Lingua e arraigo, chaves na intregración do alumnado ucraíno nas aulas da Galiza

A maior parte do alumnado ucraíno é menor de 12 anos e está escolarizado en contornas rurais. (foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
O sistema educativo galego incorporou 341 nenos e nenos ás escolas.

Perto de 350 menores ucraínos están escolarizados na Galiza, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Educación a este xornal. A cifra non deixou de aumentar desde o pasado 15 de marzo, data na que o Goberno galego avanzou a integración no sistema educativo galego das primeiras 25 crianzas ucraínas que solicitaron o seu ingreso en 17 centros educativos de 13 municipios aos que chegaron escapando da guerra.

Desde que se iniciou o proceso de acollida das persoas desprazadas pola invasión rusa a Xunta garante a escolarización "inmediata" da rapazada ucraína en idade escolar a través dun procedemento extraordinario nun máximo de tres días desde que recibe a petición por parte da familia, entidades ou persoas acolledoras. 

"A escolarización destes nenos e nenas responde sobre todo a un criterio de benestar e protección nun ambiente normalizado", explica a Nós Diario Fátima García Doval, xefa de servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellaría de Educación.

A incorporación de alumnado ucraíno ás aulas galegas inspírase nos protocolos previstos no ordenamento actual para a escolarización de estudantes estranxeiros ou procedentes doutros sistemas educativos que cada ano ten lugar nos centros galegos. "Neste caso é masiva e concentrada", resultado dunha situación de guerra que reduce os requisitos e acelera os trámites, respectando ao máximo a escolla de preferencia das familias ou entidades acolledoras.

"Boa parte do alumnado escolarizado atópase en contornas rurais, onde as opcións son máis limitadas. Nas cidades hai máis centros dispoñíbeis pero trátase de favorecer sempre o elixido polas familias, porque adoitan ter razóns importantes", di García Doval. Así, a proximidade e os vínculos con outras familias ou alumnado están entre os motivos que resolven o destino escolar dos menores ucraínos que xa ocupan un pupitre na Galiza, 250 en aulas de Infantil e Primaria e 91 de Secundaria e Bacharelato.

Barreira lingüística

Ademais da incerteza, o primeiro atranco co que se atopan as crianzas e o profesorado ao cargo é a lingua. Segundo admite Fátima García Doval, a rapazada ucraína refuxiada na Galiza chega "cun coñecemento nulo ou case nulo das dúas linguas do noso sistema educativo, pero esta preocupación inicial supérana en poucas semanas. Os máis pequenos collen moi rápido o idioma e axiña se entenden cos compañeiros, de forma natural".

De cara ao alumnado adolescente, que pode chegar a presentar dificultades puntuais ou persistentes, os centros non contan con recursos específicos de apoio. "O sistema está preparado. Os grupos de adquisición de linguas existen de antes, de acordo co procedemento habitual de atención á diversidade", precisa a xefa de servizo.

Benestar emocional

O desenvolvemento social e emocional do alumnado é outro dos obxectivos do plan de acollida de persoas refuxiadas. No ámbito escolar, di García Doval, "debe facerse en coordinación cos servizos sociais e sanitarios, fomentando a participación en actividades extraescolares e noutros contornos de socialización, sen desatender os vínculos propios e o arraigo  co seu país de orixe, "porque non chegaron para quedar".

Acollida e desenvolvemento social

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza reclaman un plan de acollida adecuado para o conxunto da poboación ucraína, nomeadamente dos escolares que se incorporan ás aulas e que buscan normalizar a súa historia de vida. "Mais non hai unha pauta clara de coordinación efectiva entre centros educativos e os concellos", afirma a súa presidenta, Sonia González, quen reclama máis esforzos por parte da Xunta, "recursos suficientes e específicos". "O profesorado non dá para todo, por iso reivindicamos a educación social nas escolas", para un mellor coidado social e emocional da cativada.

A ucraína conta desde o seu ingreso nas escolas galegas con distinta axuda por parte de ONG e da Administración, entre outra, transporte, comedor e material gratuítos. Libros e un ordenador con conexión a internet adaptado ao alfabeto cirílico, achegas que Educación suma ás guías e os recursos de conversa que se poden consultar no seu portal web.