O Goberno español propón limitar as prazas nas residencias de maiores segundo a densidade de poboación

Residencia de DomusVi en Castro de Rei. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
O novo texto mantén a limitación a "un máximo de 50 prazas" aos centros "cuxa atención se destine a persoas con discapacidade".

O Goberno español propón limitar as prazas nas residencias de maiores en base á densidade de poboación da zona na que están situadas, estabelecendo uns mínimos e máximos que van desde as 60 até as 120 prazas.

Desta maneira, o Executivo estatal desbota a primeira proposta que fixera en febreiro deste mesmo ano, pola que limitaría as residencias a un máximo de 90 prazas.

Así aparece no novo borrador do Acordo sobre Criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), que o Goberno de Pedro Sánchez está a negociar coas Consellarías de Sanidade.

O borrador, impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, detalla que os centros que se constrúan após a aprobación deste acordo "non poderán superar as 60 prazas residenciais cando se atopen situados en zonas rurais ou zonas escasamente poboadas"; mentres que as "localidades ou zonas de densidade intermedia" terían o límite en 90 prazas; as "cidades ou zonas densamente poboadas", en 120.

O novo texto, ao que tivo acceso Europa Press, mantén a limitación a "un máximo de 50 prazas" aos centros "cuxa atención se destine a persoas con discapacidade".

Reparto das prazas

Na nova proposta de Dereitos Sociais, tamén se indica que as administracións competentes disporán de, cando menos, 65% das prazas públicas en habitacións de uso individual, e o resto en habitacións de uso duplo.

En canto aos centros cuxa construción comezou con carácter previo ao acordo, disporán de 15% mínimo das prazas públicas en habitacións de uso individual cando o centro estea situado en zona rural ou zona escasamente poboada.

Esa porcentaxe elevarase até 25% cando o centro estea situado en localidades ou zonas de densidade intermedia e até 30% cando estea situado en cidades ou zonas densamente poboadas.

"A administración autonómica competente no territorio no que se sitúe o centro poderá expedir unha autorización explícita para que aqueles centros que así o soliciten non teñan que cumprir as porcentaxes de prazas públicas en habitacións de uso individual referidas, sempre que a súa capacidade máxima sexa igual ou inferior a 35 prazas e que xustifiquen circunstancias excepcionais de viabilidade económica ou arquitectónica", sinala o documento.

Condicións laborais do persoal

En canto ás condicións laborais, o borrador do Executivo estatal estabelece que as quendas dos profesionais de atención directa de primeiro nivel organizaranse "minimizando as rotacións e promovendo que as mesmas persoas apoien a un mesmo grupo de persoas de forma estábel tendo en conta as unidades de convivencia".

Ao persoal de atención directa de primeiro nivel esixiráselle, segundo recolle a proposta de acordo, que posúa a cualificación profesional que acredite as súas competencias.

Porén, permitirase facilitar a habilitación excepcional a persoas coidadoras,  xerocultoras, auxiliares de axuda a domicilio e asistentes persoais con experiencia de polo menos 3 anos e cun mínimo de 2.000 horas traballadas nos últimos 12 anos na categoría profesional correspondente, ou cun mínimo de 300 horas de formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar nos últimos 12 anos, previa presentación da súa solicitude.

Isto quedará determinado na normativa da autonomía que estea localizada a empresa onde preste os seus últimos servizos a persoa solicitante.