As limitacións de Aninovo, as mesmas que para o día de Nadal

Luces de Nadal en Vigo (Foto: Europa Press)
A Xunta volverá a aplicar nas xornadas vindeiras as medidas sanitarias que estabeleceu para Noiteboa e Nadal e permitirá durante tres xornadas, até o 1 de xaneiro, a libre mobilidade por todo o territorio galego para xuntanzas familiares. Así se decidiu á vista dos últimos datos epidemiolóxicos, que apuntan a unha situación xeral de estabilidade na que aínda non se pode percibir a influencia dos festivos da semana pasada. 

Cunha situación epidemiolóxica similar á de hai unha semana, e sen datos aínda do impacto das primeiras reunións do Nadal na evolución da pandemia, a Xunta aposta de cara ás celebracións de fin de ano e Aninovo por replicar o modelo de limitacións que aplicou hai unha semana para controlar os contactos festivos durante a Noiteboa e o día 25.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu a coñecer hoxe as indicacións de cara aos días vindeiros, nas que se volve insistir en limitar os contactos, no posíbel, a persoas conviventes, pero nos que se volverá permitir de forma temporal a mobilidade entre concellos fechados para posibilitar as visitas familiares.

Desta maneira, desde mañá e até as 23 horas do día 1 poderase entrar e saír naqueles 62 concellos nos que o acceso está restrinxido –agás polas causas taxadas sanitarias, educativas, laborais ou de coidados– como consecuencia das medidas para frear a pandemia, incluídas cinco das sete cidades: A Coruña, Compostela, Ferrol, Pontevedra e Vigo.

Fóra quedan Ourense, Lugo –onde se vén de levantar o fechamento perimetral– e os outros 249 municipios onde, pola baixa incidencia epidemiolóxica, están implantadas as limitacións de nivel "básico", que permiten a mobilidade e un maior aproveitamento dos negocios de hostalaría e restauración.

Novos horarios

Das escasas modificacións anunciadas onte, tras a reunión do comité clínico que asesora a Xunta na xestión da crise do coronavirus, cóntase a ampliación até as 18 horas para a actividade hostaleira naqueles concellos con nivel de restrición medio alto (39) e alto (16), que até a data só podían facelo até as 17 horas, en grupos máximos de catro persoas. 

Sobre a decisión de modificar, na metade das festas, estas limitacións horarias pronunciouse o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, para cualificar o cambio de "razoábel", tendo en conta que se trata de lugares "onde ás 18 horas ten que fechar todo", e para defender que "non se trata dunha hora de especial risco" por non afectar o horario da comida. Segundo apuntou, o comité sanitario e o Goberno galego levan "semanas" avaliando esta opción, que non se "atreveran" a implantar pola proximidade das festividades do Nadal. 

Outra modificación, esta puntual, estabelecida pola Xunta para as festas vindeiras afecta á apertura dos negocios de hostalaría, que non poderán abrir na xornada do día 1 até as 11 horas, e non a primeira hora.

Ademais, o conselleiro confirmou que, como xa ocorreu na noite previa a Nadal, na do 31 o horario nocturno ampliarase de forma excepcional até as 01.30 horas, "para dar tempo á xente que tivo unha celebración a regresar ás súas casas". No resto de xornadas mantense a obriga de recoller ás 23 horas, en espera do que poida decidirse na vindeira xuntanza do comité clínico co Goberno galego, prevista para o 4 de xaneiro.

Capacidade asistencial

A decisión de estender o plan do Nadal nesta semana chega, en palabras de García Comesaña, "vistos os datos [epidemiolóxicos], a estabilidade, contida, e os datos asistenciais, tamén contidos se ben con preocupación" polo aumento de ocupación UCI das áreas sanitarias de Pontevedra e A Coruña. 

É alí onde a presión asistencial medra, segundo a información que trasladou o xerente do Sergas, José Flores, quen advertiu dun aumento de ocupación en UCI de 20% no caso da Coruña e de 25% en Pontevedra respecto a hai unha semana.

É, segundo manifestou, o dato negativo do balance dos últimos sete días, onde a situación asistencial se mantivo "sen variacións" e "en meseta" malia o aumento de 11% da ocupación para coidados intensivos, que se sitúa a nivel global, en 56 persoas. No entanto, os ingresos hospitalarios –con 291 persoas en planta– experimentaron un leve descenso de 4%, e a Atención Primaria e as Urxencias hospitalarias mantéñense, sinalou, sen variacións de relevo.

Esa mesma "estabilidade" reflíctese nas cifras de incidencia acumulada a nivel galego, segundo a valoración da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, quen salientou que este indicador segue en cifras similares ás de hai unha semana, cunha media a 14 días de 183 casos novos por cada cen mil habitantes (estaba en 177 na anterior comparecencia).

Outros, como o número reprodutivo básico instantáneo, que calcula a capacidade de transmisión da enfermidade, situado algo por debaixo de 1, ou a positividade de probas diagnósticas, fixada en 4,47%, por debaixo de 5% que a OMS marca como límite para interpretar que existe control sanitario na pandemia, apuntan –segundo a responsábel do Sergas– a unha certa mellora.

Este é un estrato do tema que publicamos hoxe. Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!