Autorizada a mobilidade entre concellos entre as 00:00 horas do día 30 e as 23:00 do 1

Axentes nun control de mobilidade nos accesos a Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O toque de recoller fíxase ás 1:30 para Noitevella.

O comité sanitario establece que poderá haber mobilidade libre e aberta entre concellos entre as 00:00 horas do día 30 e as 23:00 do 1, sempre para reunións familiares. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que informou que o toque de recoller para a Noitevella (a noite do 31 ao 1) establecerase para a 1:30 horas

O conselleiro insistiu en que a recomendación principal parte da "convenencia" de que esas reunións de Noitevella sexan "exclusivamente" da unidade familiar. En caso de non poder así, engadiu, indicou que a recomendación é de 2 unidades familiares máximo cun tope de persoas en total de 10. 

Dúas novidades para a hostalaría. Amplíase o horario habitual dos  concellos con limitación até as 17:00 horas, que neses días poderán abrir até as 18:00 horas. En Aninovo, poderán abrir os locais da hostalaría ás 11:00 horas.

Sanidade lembra que este ano non están permitidas as festas de Fin de Ano, nin os encontros na rúa para celebrar a chegada de 2021.

Cepa do coronavirus

O conselleiro informa tamén, a preguntas dos xornalistas, que están a investigar se 2 casos detectados en 2 áreas sanitarias galegas están relacionadas coa nova cepa de coronavirus. Corresponden a 2 persoas que proceden de fóra da Galiza.

Niveis

A Xunta decidiu incorporar os municipios de Viveiro, Verín, Castrelo do Val, Cualedro, Monterrei, Noia e Lousame ao nivel máis elevado de restricións por recomendación das e dos integrantes do comité clínico que asesora sobre a evolución da pandemia na Galiza e que mantivo unha nova reunión esta segunda feira.

Segundo avanzaron fontes da Consellaría de Sanidade o fechamento de Verín, Castrelo do Val, Monterrei e Cualedro será conxunto, ao igual que sucederá coas localidades de Noia e Lousame.

Por contra, o comité clínico de expertas aconsellou rebaixar as limitacións en Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que ficarán sen prohibicións de mobilidade ao estar no nivel básico de risco.

Empeoran o seu balance de contaxios Barro, Redondela, Xinzo de Limia, Xove, Muros, Carral, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal, que entran no listado de lugares no nivel medio alto de restricións. Por outra parte, haberá unha especial vixilancia sobre Val do Dubra, Padrón, Vedra e Rois.