As ligazóns políticas das adxudicacións dos parques eólicos da poxa de 2010

O PP propón que as eólicas repercutan aos concellos 2,5% dos beneficios e non dos ingresos. (Foto: Antonio Ayuso).
As relacións co Partido Popular dos propietarios de moitas das empresas favorecidas no concurso eólico de 2010 son doadas de seguir e afectan os diferentes niveis de adxudicación da potencia eólica na poxa organizada polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo. 30% dos parques concedidos localízanse no Deza.

Estela Eólica foi unha das grandes triunfadoras do concurso eólico de 2010. A compañía ficou en terceiro lugar na poxa, só por detrás de Gas Natural e Norvento, logrando 186 megawatts, tras propor un plan industrial para construír unha planta de tratamento de residuos sólidos urbanos con xeración termoeléctrica de 50 megawatts e cinco plantas de transferencia, definida polo entón conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, como “a Sogama do sur”.

Alberto Romero

A primeira accionista de Estela Eólica era a empresa burgalesa Gecalsa, posteriormente investigada dentro da trama eólica de Castela e León, aparecendo, tamén, no seu capital José Luis Quintáns, Alberto Romero Posse e Ignacio Aguiriano Ramudo. O primeiro deles fora presidente de Novas Xeracións do PP de Zas e Aguiriano Ramudo era socio en diversas empresas do sector eólico de Joaquín del Moral Crespo, director xeral de Industria da Xunta da Galiza durante, practicamente, toda a década dos anos 90. Estela Eólica, canda o grupo Gecalsa, rematou quebrando, sendo absorbida en 2016 por Gas Natural.

Manuel Taboada Gómez é un antigo concelleiro de Alianza Popular de Silleda. Propietario da construtora Taboada y Ramos S.L., persoa do círculo de confianza de Xosé Cuíña nos anos deste como presidente da Deputación de Pontevedra e conselleiro de Fraga, chegou a recoñecer en 1995 que "perto de 60%" da súa facturación procedía da obra pública. Así, en 2017, continuaba a ser a empresa construtora que máis facturaba á Xunta da Galiza. 

Taboada y Ramos S.L. concorreu ao concurso eólico de 2010 en dúas sociedades. Unha delas, Aerogeneración Galicia S.L., recibiu 51 megawatts, ligados á execución dun plan industrial de 24,5 millóns de euros e á creación de 255 empregos. A outra, Enebro Renovables, de cuxo capital, tamén, facía parte Tasga, conseguiu 45 megawatts, asociados a un proxecto empresarial de 7,8 millóns e a 104 empregos. Precisamente, Enebro foi vendida en 2017 por 1,5 millóns de euros a Greenalia, que ten en funcionamento un dos seus parques, o de Ourol, cunha potencia de 22,5 megawatts.

Enebro e Kaekias Eólica son dúas das empresas adxudicatarias do concurso eólico de 2010 adquiridas por Greenalia. Neste caso, Kaekias Eólica, actualmente no foco por ser a primeira titular dos parques -denunciados pola asociación ecoloxista Adega- de Campelo (Coristanco), e Lamas de Feás (Baltar), recibiu 75 megawatts, sendo os seus accionistas o construtor coruñés Angel Jove, a burgalesa Boreas Tecnología, Javier Mazaira e Argimiro Fernández, outro empresario do Deza, socio en tempos da familia do conselleiro Xosé Cuíña e copropietario da empresa de subministracións que desencadeou en 2003 a saída deste da Xunta.  

A conexión do Deza

30% das concesións eólicas desa poxa emprazáronse na comarca do Deza, onde, tamén, apareceron como adxudicatarios relevantes dirixentes do PP. Un deles é o anterior alcalde popular de Dozón, Adolfo Campos Panadeiro, outro o seu fillo e actual rexedor, Adolfo Campos Vázquez.

A familia Campos concorreu ao concurso eólico de 2010 a través de Renovables San Martiño, que conseguiu na convocatoria 12 megawatts cun plan industrial que recollía un investimento de 18,6 millóns e prometía crear 168 empregos. 35% do capital da compañía pertence a Adolfo Campos Investimentos S.L. (sociedade do propio alcalde), 35% a Ovidio Campos e Hijos S.L. (cuxo administrador único é David Campos Cortés, curmán do actual rexedor de Dozón), 20% Hermanos Tratante S.L. (propiedade de Alejandro Campos Vázquez, irmán do mandatario) e 10% a Nutrimentos del Campo S.A., de Adolfo Campos Panadeiros.

O alcalde Palas de Rei, Pablo Taboada, é outro dos adxudicatarios do concurso de 2010. O rexedor recoñece posuír 5% das accións de Breotecnia S.A., concesionario de nove megawatts cun plan industrial para construír unha "nave dedicada a almacén".