Levan a Xunta á Comisión Europea por "vulnerar" o dereito de información e participación no eólico

Os manifestantes fixeron cola de a un ante o Valedor para entregar as reivindicacións. (Foto: Arxina).
Acceder á información relativa aos expedientes de proxectos eólicos é cada vez máis unha carreira de obstáculos, dificultando poder presentar alegacións ou coñecer o impacto eólico real. Así o denunciou onte ás portas do Parlamento a plataforma 'Eólica Así Non', que vai levar este tema a Bruxelas.

'Eólicos Así Non' representa 175 entidades e colectivos de diferentes comarcas da Galiza, preocupados polo que consideran unha "invasión eólica" con graves prexuízos sociais, ambientais, patrimoniais ou económicos. Medio cento de representantes destas entidades concentráronse onte fronte ao Parlamento galego e a Valedoría do Pobo para denunciar o que cualifican como un "recorte de dereitos democráticos" por parte da Xunta e co que se buscaría "facilitar a autorización de proxectos eólicos e favorecer ás eléctricas".

Belén Rodríguez, de 'Eólicas Así Non', explicou que coa protesta "queremos denunciar como a cidadanía galega ten cada vez máis trabas e dificultades para poder defenderse ante os macroproxectos eólicos". Afirma que as lexislacións aprobadas pola Xunta nestes anos "dificultan o acceso aos proxectos no seu tempo, dificultan poder consultalos e dificultan o poder presentar alegacións".

Por iso, informou Rodríguez, presentarán unha denuncia diante da Comisión Europea contra a Administración galega polo que consideran unha "vulneración das directivas europeas relativas ao dereito de información e participación pública en materia de medio ambiente".

"Derrogación"

Ademais, engadiu, remitirán unha carta ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na que lle instan a "derrogar xa" as leis de fomento da implantación de iniciativas empresariais (2017) e de simplificación administrativa (2021), por ser "reformas legais" que son “auténticos golpes de estado” contra "os dereitos democráticos de información e participación públicas".

Para 'Eólicos Así Non' a Xunta segue a actuar con "total discrecionalidade" á hora de autorizar parques eólicos, "arrogándose" o dereito de aprobar proxectos fóra das áreas de desenvolvemento eólico (ADE) estabelecidas no plan sectorial ou "saltándose a suposta moratoria eólica que teoricamente está vixente desde inicios de ano".

Durante a concentración, que se prolongou durante máis de 40 minutos, as persoas concentradas recibiron o apoio de vehículos que facían soar o pito cando pasaban. "Partido Popular, inimigo do rural", "Enerxía galega, ganancia madrileña" ou "Feixoo derroga a lei depredatoria", foron algúns dos lemas coreados polos participantes na protesta, até a que se achegaron os deputados do BNG Luis Bará e Noa Presas, así como a representante nacionalista en Europa, Ana Miranda.

Xosé Iglesias, da Asociación 'Vento Libre' de San Román, unha parroquia de Val do Dubra, sinalaba que a veciñanza reuniu 2.500 sinaturas para intentar frear un parque eólico —"con muíños de 200 metros"— que afecta á subministración de auga da parroquia. Sandra Cea, da Plataforma de afectados polos eólicos en Vila de Cruces, advertía do "forte impacto" que no Deza van ter o sarillo de proxectos fragmentados que, porén, conforman "un gran macroparque".

"Repetimos que non estamos contra as renovábeis", incide Belén Rodríguez, "estamos en contra deste modelo". O que se demanda é, resume, "unha moratoria eólica real e efectiva que procure o antes posíbel a elaboración dunha planificación racional do sector".

Hidrocarburos

O Parlamento acollerá hoxe unha nova concentración. Esta volta, da CIG, no marco da campaña en demanda dunha transición enerxética xusta para o sector dos carburantes e biocarburantes. A protesta realízase coincidindo co debate na Comisión de Industria e Enerxía dunha proposición non de lei para a elaboración dun plan galego a este respecto.