O sistema enerxético galego a debate nas páxinas de 'Nós Diario'

O foro desenvólvese do 22 de marzo ao 6 de abril.
Parque eólico na Serra do Xistral (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Parque eólico na Serra do Xistral (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Nós Diario arranca o ano do décimo aniversario da constitución da súa empresa editora, Sermos Galiza, co lanzamento dun foro de debate sobre o sistema enerxético galego. A iniciativa, que se vai desenvolver entre 22 de marzo e 2 de abril conta coa participación dunha variada e plural representación de expertos neste ámbito.

A conmemoración do décimo aniversario de Sermos Galiza vai estar asociada ao impulso de varias propostas de debate nas páxinas de Nós Diario. O seu obxectivo é favorecer o intercambio de ideas entre diversas posturas, achegar distintos prismas a interpretación da realidade social, ofrecer unha información plural sobre o decorrer da vida galega, analizar os feitos e os procesos que se desenvolven ao noso arredor e sacar conclusións desde a diverxencia unha vez testados os argumentos.

Que modelo enerxético precisa Galiza? Eis o primeiro dos debates a desenvolver ao longo de 2022. O mesmo aspira a responder aos novos escenarios marcados pola transición enerxética, nun contexto dunha forte tensión inflacionista sobre algunhas das materias primas empregadas para a obtención de electricidade de orixe fósil. Ao tempo, asístese a unha suba histórica do custo da luz, determinado por un modelo de fixación de prezos, o sistema marxinalista, vixente na Unión Europea desde 1997, de clara feitura neoliberal e aplicado por primeira vez no Chile de Pinochet.

Especialización produtiva

Galiza é unha gran produtora eléctrica. Sen ir máis lonxe, dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente o 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado e que proporcionou as compañías eléctricas, na súa practica totalidade con sede fiscal en Madrid, uns beneficios  por enriba de 4.000 millóns de euros na última década. Unha situación análoga repítese coa produción de orixe eólica, como consecuencia dun deseño que especializou a Galiza na produción de electricidade.

A auga e o vento son o petróleo e o gas dos galegos e galegas; porén, os mesmos están en mans de empresas, sendo empregadas para exportar electricidade a outros territorios do Estado. O aproveitamento da electricidade como panca para impulsar o desenvolvemento endóxeno do país é, precisamente, un debate recorrente entre os economistas galegos desde comezos dos anos 60, que Nós Diario reabre neste panel.

Relatores

O foro de debate sobre o sistema enerxético galego contará coa participación de significados expertos na materia. Así, entres eles, atópanse o profesor da Universidade da Coruña (UdC) Fernando de Llano; o socio director de Pérez-Lema Avogados, Xoán Antón Pérez-Lema, a xurista Emilia Porto, o docente da UdC Carlos Aymerich,o xurista José Antonio Blanco e o colectivo de debate enerxético Bidán, conformado Fernando Branco, Quico da Silva e Manuel Cabarcos.

O panel conta, tamén, co profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios, a docente da Facultade de Económicas da USC Rosa Regueiro, o Observatorio eólico da Galiza da Universidade de Vigo, o biólogo e ecoloxista Ramón Varela, o economista e membro do colectivos Eólicos así non Joam Romero, a adherente da Rede Galega por un Rural Vivo Jessica Rey, o técnico enerxético Xosé Manuel Golpe e o presidente da Asociación Eólica da Galiza, Manuel Pazo.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios