Lembras o meteorito de Traspena? Este asteroide xa se pode visitar en Compostela

Presentación da exposición do meteorito na USC (Foto: Santi Alvite).
Os investigadores estimaron que o brillo que este asteroide produciu foi de ao redor de 50 veces superior ao da lúa chea.

O Meteorito de Traspena (concello de Baralla) é o nome polo que se coñece un asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que no día 18 de xaneiro de 2021 cruzou os ceos galegos en forma dunha gran bóla de lume.

Este colidiu contra a atmosfera a 75 quilómetros de altura cunha velocidade de 15 Km/s e produciu un meteorito de 527 gramos.

Cunha traxectoria próxima á vertical, cun ángulo de entrada con respecto á superficie da Terra de 77 graos, penetrando moi profundamente até chegar xa fragmentado e cunha velocidade de 2,4 km/s, a só uns 15,7 km de altura.

Os investigadores estimaron que o brillo que este asteroide produciu foi de ao redor de 50 veces superior ao da lúa chea.

Aliás, o estrondo que ocasionou foi percibido nas comarcas de Sarria, Os Ancares, Terra de Lemos, Quiroga e do Bierzo.

É singular porque é un dos poucos casos no mundo para o cal foi posíbel determinar con precisión a órbita heliocéntrica, previa á colisión coa Terra, do seu corpo proxenitor, aumentando así o seu interese científico.

Constitúe tamén un fito para a astronomía galega, pois é a primeira caída ben documentada dun meteorito na Galiza, xa que nunca antes se tivera un cálculo previo tan específico.

Exposición

Pois ben, este meteroito está exposto ao público na Sala dos Meteoritos do Museo de Historia Natural (MHN) e pode visitarse desde a pasada sexta feira 13 de xaneiro.

Nese día foi presentado nun acto presidido polo reitor da Universidade de Santiago (USC) Antonio López, que contou coa participación do vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri; do director do MHN, Marcos A. González González; do director do Observatorio Astronómico 'Ramón María Aller' da USC, José A. Docobo Durántez; e do profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC, Manuel Andrade Baliño

O acto foi de axuda para pór en valor a investigación liderada pola Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo na cal se utilizaron novos métodos e modelo matemáticos para determinar tanto a órbita heliocéntrica previa ao impacto, e as posíbeis asociacións dinámicas con outros obxectos próximos da Terra, como a traxectoria atmosférica deste asteroide e a súa caída como meteorito.