A lei de recursos naturais da Xunta remove o Consello Económico e Social

Manuel Pérez saúda a Alfonso Rueda en presencia de Agustín Hernández, na súa toma de posesión, en outubro (Foto: CES)

O CES aproba un novo ditame sobre a lei mais está á espera dun voto particular. Nun primeiro momento era un texto crítico coa norma da Xunta, á que o ente prevé remitir o novo documento a segunda feira que vén.

O Consello Económico e Social (CES) aprobou un novo ditame sobre a lei de recursos naturais que prepara a Xunta da Galiza, tras un primeiro texto que era crítico coa norma e despois de que o pleno do ente pedise "pulir" discrepancias á comisión redactora.

Nestes momentos, e segundo fontes do CES consultadas por Europa Press, "estase á espera dun voto particular" que unha organización xa anunciou que presentará. O prazo para iso está aberto até esta quinta feira, polo que o ente prevé remitir o novo ditame á Xunta a segunda feira que vén.

Pola súa parte, a CIG convocou unha rolda de prensa para esta terza feira para informar precisamente "da situación xerada no Consello Económico e Social de Galiza tras a inédita decisión de revisar un ditame". O presidente do CES, Manuel Pérez, informou a pasada sexta feira que o novo ditame estaba "a se cocer".

Con anterioridade, xusto o día en que se presentou de forma pública a empresa mixta cuxo impulso prevé dita lei, a CIG esixiu noutra comparecencia a retirada do proxecto alertando do ditame "moi crítico" coa norma.

O ditame fora elaborado nunha comisión do CES, con participación de CIG, UXT, CC.OO., SLG, confrarías e CEG, e esta última presentou unha emenda e trasladou que se non se aprobaba emitiría un voto particular.

A continuación, o texto chegou a pleno e, segundo explicaron fontes do CES, este órgano colexiado "o que fixo foi devolver o texto á comisión de traballo, para puílo". Así as cousas, ditas fontes aseguraron que volvería "debaterse" e elaboraríase "unha nova proposta".

Na súa comparecencia hai uns días, a secretaria de organización da CIG, Susana Méndez, e o secretario xeral, Paulo Carril, denunciaron que os obxectivos que se marca a lei non se logran co texto e, ao contrario, "tal e como está redactada pretende favorecer aínda máis ás grandes enerxéticas que buscan expoliar os recursos" da comunidade.

Por iso esixiron a súa retirada a non ser que a Xunta "asuma" as propostas que recollía aquel ditame e tendo en conta que, xa durante a súa exposición pública, a lei recibiu 259 alegacións.

Cuestionado respecto diso, ese mesmo día, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pasou a palabra á conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, quen reprobou a actitude da central nacionalista. A continuación, nun pleno do Parlamento, a conselleira ratificou que dita lei irá adiante.