Lei galega de viño e prezo mínimo para a uva: As propostas do BNG para reforzar o sector

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na súa visita a Pazo Baión. (Foto: Europa Press)
“A calidade dos viños galegos non é produto da casualidade senón o resultado  do gran traballo de viticultores e adegueiros ao longo do tempo", asegurou Ana Pontón.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta terza feira a adega Pazo Baión, pertencente a cooperativa Condes Albarei,  para coñecer as expectativas do sector. “A calidade dos viños galegos non é produto da casualidade senón o resultado  do gran traballo de viticultores e adegueiros ao longo do tempo, que fai que os nosos viños teñan un prestixio consolidado dentro e fora de Galiza, polo que me gustaría trasladar os meus parabéns a todo o sector vitícola”, destacou durante o percorrido da man do xerente de Pazo Baión, Xavier Zas.

Pontón trasladou o apoio nacionalista a un sector “clave” para a economía, tanto en termos de creación de riqueza e emprego, como tamén polo que aporta na preservación do territorio e de manter un medio rural vivo, e aproveitou a visita para explicar as propostas da formación a favor do sector vitícola.

Neste sentido, a dirixinte do BNG salientou a necesidade de impulsar unha Lei do viño “ambiciosa e integral”, que aborde cuestións como a ampliación da superficie de cultivo, o relevo xeracional ou a preservación das castes autóctonas. Pontón fixo fincapé na “limitada superficie de moitas explotación, porque resta capacidade de competir e de medrar”.

Segundo estudos citados por Pontón, a superficie media por explotación na Galiza está en 0,18 hectáreas, cando a media española é de 1,8. “Temos un 3,5 % da superficie dedicada a viñedos no Estado español, pero en cambio sumamos 200.000 parcelas, o 40 % del total”, indicou.

Máis propostas

Hai que estudar fórmulas que permitan aumentar o tamaño das explotacións, insistiu a portavoz nacional do BNG, porque este factor tamén penaliza a viticultura galega na recepción de axudas. “Por exemplo, na campaña 2019-2020 a Galiza só recibiu 1,1% do total dos 212 millóns de euros distribuídos polo Estado con cargo ao Fondo español de garantía agraria, apenas un euro de cada cen”, argumentou.

Para a nacionalista, é “evidente” que os criterios de reparto prexudican o sector, “xa que favorecen a cantidade  e non a calidade”, e por iso Pontón demandou que a Xunta “lidere o diálogo co sector” para facer propostas que cambien esta “discriminación” por un reparto equitativo, especialmente de cara ás axudas previstas na PAC estimadas en 202,15 M€ para o período 2023-2027.

Tamén puxo sobre a mesa outras propostas a favor do sector, como recuperar as mesas do viño como mecanismo directo e constante de debate e diálogo entre Administración e produtores, cooperativas e adegas. Igualmente; a homologación de contratos con prezos mínimos para a uva, “dando estabilidade ao sector tanto na parte de produción como de comercialización”; e pór en marcha un sistema de financiamento a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para o pago ao contado da uva.

Finalmente, Pontón apostou por seguir apostando pola innovación e a investigación para continuar na senda da calidade dos viños galegos, “cada vez máis valorados tanto no interior como a nivel internacional”.