O crecemento do sector vitivinícola eleva os prezos da terra no rural galego

O prezo do monte en comarcas como Quiroga ou terra de Lemos chegou a duplicarse en 2019 e mesmo case a triplicarse con respecto aos datos de 2017.
O prezo medio da terra medrou significativamente respecto aos datos de 2017 en comarcas como O Condado, O Ribeiro ou Celanova (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O prezo medio da terra medrou significativamente respecto aos datos de 2017 en comarcas como O Condado, O Ribeiro ou Celanova (Foto: Xunta da Galiza).

O Observatorio de Mobilidade de Terras, organismo dependente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader),  vén de presentar o seu informe de 2021, no que analiza a situación do mercado de terras rústicas na Galiza entre 2008 e 2019.

Nese período os datos suxiren unha relativa estabilidade, tanto do número de operacións de compravenda como da área total afectada. Porén, as cifras máis recentes amosan un cambio de tendencia, con incrementos en ambas as variantes. 

En 2019 realizáronse algo menos de 39.000 compravendas afectando a case 11.500 hectáreas (has), cun aumento notábel do tamaño mesmo das parcelas. O monte tivo maior peso na superficie obxecto de compravenda, pero en menor proporción que en anos previos. Pola súa parte, os prezos prolongaron a suba iniciada en 2014, até situar os valores medios (1,21 euros por metro cadrado) en máximos.

Como destaca o informe, as maiores taxas de mobilidade seguen a concentrarse na metade norte da Galiza, tanto para superficie agrícola como para superficies de monte, mais destacan tamén as comarcas do Deza e do Salnés. 

Por municipios, só nove ─Mugardos, Larouco, Cariño, Teo, Pontecesures, Pontevedra, Rodeiro, Cenlle e Xunqueira de Espadañedo─ presentan unha taxa de transferencia de superficie agraria igual ou maior a 2% anual, mentres que no caso das superficies de monte outros sete ─O Grove, Cariño, Vilagarcía de Arousa, Vedra, Melide, Palas de Rei e Ortigueira─ igualaron ou superaron esa porcentaxe.

Valores que se duplican

En comparación co informe anterior, as subas no prezo medio máis destacadas danse nas comarcas de Viana (89,74%), O Sar (88,9%) ou Terras de Celanova (83,67%). No que atinxe só ao prezo medio do monte, son salientábeis as subas dos prezos rexistradas en Quiroga (230%) e Terra de Lemos, que duplicou o seu valor (de 0,35 euros metro cadrado en 2017 a 0,7 en 2019).

Segundo apunta a Nós Diario Manuel da Cal, coordinador de Federación Rural Galega (Fruga), o crecemento do prezo da terra en comarcas costeiras e zonas vitivinícolas nos últimos anos débese á proliferación deste sector no país, aínda que recoñece que lle "chama a atención" o dato do Ribeiro ─ o prezo medio pasou de 2,98  a 4,44 euros o metro cadrado─ onde os adegueiros alertan ano tras ano do progresivo abandono das terras, "onde as mimosas inzan o territorio", abunda. 

Da Cal recoñece que a tendencia segue a ser a do abandono e a concentración da produción en determinadas zonas. Neste senso, indica que "hai concellos de Ourense onde non queda xa ningunha cabeza de gando".  

Na mesma liña, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), indica que detrás deste aumento dos prezos poden estar empresas do sector vitivinícola, mesmo grupos importantes de fóra da Galiza, que nos últimos anos están a investir no país. Tamén empresas que, para aumentar o calendario de produción de produtos da horta están a apostar na Galiza, aínda que alerta de que "en moitos destes casos o modelo de traballo non está ligado ao asentamento de poboación".

Comentarios