Residencias de maiores

O 'legado' de Josefina Fernández en DomusVi: polémica coa vacinación, denuncias das familias e deficiencias constatadas

Josefina Fernández, nun acto de DomusVi. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A fundadora da compañía líder das residencias de maiores na Galiza abandona o grupo 23 anos despois.
  1. Un de cada tres decesos en residencias
  2. Mortes nos centros públicas xestionados por DomusVi
  3. Incumprimentos da normativa:
  4. Múltiples denuncias das familias
  5. A Xunta coñecía as deficiencias desde 2017
  6. Negocio coas funerarias
  7. Polémica coa vacinación

Após máis de dúas décadas no cargo, Josefina Fernández comunicaba o pasado 31 de marzo a súa marcha á compañía que ela mesma fundara e que tornou na líder do sector das residencias de maiores na Galiza e o conxunto do Estado español, DomusVi —previamente Geriatros—. O seu nome copou os titulares da prensa galega e estatal a raíz da crise sociosanitaria da Covid-19, pois os seus centros concentraron no inicio da pandemia o maior número de pasamentos en xeriátricos galegos. A súa xestión á fronte de DomusVi non estivo exenta de polémicas.

Un de cada tres decesos en residencias

Durante os nove primeiros meses de pandemia, entre marzo e decembro de 2020, os centros de DomusVi rexistraron 161 pasamentos —algúns deles no hospital após trasladar os doentes desde estas residencias—. Os de San Lázaro, en Santiago de Compostela, con 41 mortes; Barreiro, en Vigo, con 32, e o de Cangas, con 30, ficaron á cabeza do grupo nunha listaxe de dubidosa honra que acaparan, fundamentalmente, xunto á Fundación San Rosendo —106 finamentos en total—.

No conxunto das residencias de maiores da Galiza —ou no hospital— producíronse até 509 pasamentos —segundo datos difundidos por Praza.gal—, o que significa que un de cada tres foron en centros xestionados por DomusVi.

Mortes nos centros públicas xestionados por DomusVi

Con data de agosto de 2021, a Xunta daba conta dos decesos rexistrados en residencias de titularidade pública até ese momento e desde o inicio da pandemia. Foron, tal e como informou Nós Diario, un total de 790 entre os centros de maiores e de atención á diversidade. Mais apenas 80 correspondían aos de titularidade pública galega —excluíndose deste cómputo os rexentados polos concellos e as deputacións e as de réxime privado—.

Das máis de 22.000 prazas dispoñíbeis na Galiza, só 3.900 son públicas, e non todas están xestionadas polo Goberno galego: unha cuarta parte delas opéraas a sociedade DomusVi, que, segundo os datos naquela altura revelados, rexistrara a metade das mortes totais nos seus centros —40—, cunha taxa de mortalidade que duplica o das residencias xestionadas directamente pola Xunta.

Incumprimentos da normativa:

Falta de persoal

A Fiscalía comezou a investigar en abril de 2020 —como informou en exclusiva Nós Diario naquel intre— a xestión que se estaba a realizar no inicio da crise da Covid-19 nas residencias de DomusVi e San Rosendo. Dous anos despois, a Memoria de 2021 da Fiscalía, publicada o pasado outubro, constataba que en diferentes centros destes dous grupos a cifra real de traballadoras "non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para a contratación, apreciándose valores inferiores".

Unha vulneración da normativa de residencias que, proseguía a Fiscalía no informe, "xa se comunicou varias veces á Administración autonómica, con quen [as mencionadas empresas] manteñen concertos, mais non observamos correccións".

Suxeición de maiores

"Nas residencias de titularidade pública e nas miniresidencias existe unha baixa incidencia de medidas de suxeición nas persoas maiores debido á utilización de alternativas ás mesmas (camas articuladas, cadeiras de brazos especiais, maior ratio de persoal especializado, maior actividade lúdica, etc)". Porén, continúa, "no extremo oposto sitúanse os centros residenciais de titularidade privada ou de xestión privada en grandes centros, como San Rosendo e DomusVi [...], cun número excesivamente elevado de suxeicións físicas".

Múltiples denuncias das familias

Ao longo da pandemia, este xornal fíxose eco das numerosas denuncias que chegaban por parte de familias e persoas usuarias de centros rexentados por DomusVi sobre presuntos casos de "desatención" e "falla de coidados", como o dunha muller de 90 anos que, segundo afirmara en marzo de 2022 a súa filla, descubriu após recollela descubriu "o lamentábel estado no que se atopaba", con "deformidade no pé, con inversión do mesmo, edema no pé e dor á palpación", así como "rotacións dolorosas de cadeira e ombreiro dereito". Porén, a empresa negouno afirmando que o seu persoal "en todo momento actuou con profesionalidade, empatía e vocación" e que ficou "en constante comunicación" coa familia.

Tamén o de Carmen Barreiro, usuaria da residencia desta compañía en Monforte de Lemos que, segundo indicaba a súa neta a Nós Diario, "tiña unha úlcera nun pé do tamaño dun puño". "A miña avoa entrou na residencia andando, polo seu propio pé, e sen limitacións. Vinme obrigada a ingresala porque presentaba un problema ansioso-depresivo que me impedía prestarlle os coidados que requiría e non por outras razóns médicas, dado que se atopaba en bo estado de saúde sen prexuízo dos problemas derivados da idade", afirmara.

A Xunta coñecía as deficiencias desde 2017

Nós Diario mostraba en abril de 2020 un informe do Consello de Contas datado de 2017 que puña en coñecemento da Xunta da Galiza as eivas nos centros xestionados por DomusVi e San Rosendo: "Apreciouse que, malia que os centros non corrixiron as irregularidades observadas, a Inspección non propuxo a iniciación de expedientes sancionadores", apuntaba o documento.

Negocio coas funerarias

Este xornal tamén informou no seu momento do acordo comercial que DomusVi asinara coa funeraria Mémora e que lle garantía unha comisión de até 700 euros por cada familia dun residente falecido que contratase os seus servizos, desvelou InfoLibre.

Polémica coa vacinación

A comezos de 2021, cando a Covid-19 seguía a deixar elevadas cifras de contaxios e pasamentos e a vacina aínda empezaba a distribuírse entre os colectivos máis vulnerábeis, Josefina Fernández foi vacinada acompañada do seu irmán, Pedro, tamén integrado en DomusVi. Desde a compañía alegaron que recibiu o fármaco tan cedo porque "visita de maneira continuada os centros da compañía estando en contacto con residentes". A oposición no Parlamento galego, porén, demandou explicacións da Xunta ante o que cualificou de "tráfico de influencias".