Josefina Fernández Miguélez, fundadora de DomusVi, compañía do sector das residencias e a atención a persoas maiores, deixou a compañía o pasado 31 de marzo despois de 23 anos para emprender “unha etapa profesional”.
DomusVi viviu múltiples polémicas durante a pandemia da Covid-19. Esta empresa antes coñecida como Geriatros, foi albo de críticas pola súa xestión nos últimos tempos.
Fernández foi moi cuestionada desde os colectivos de familiares e usuarios e, mesmo, desde a política pola xestión desta crise sanitaria, até tal punto de protagonizar un enfrontamento coa oposición no Parlamento galego (BNG e PSdeG) durante a súa comparecencia na comisión para a reactivación poscovid en novembro de 2020, na cal recoñeceu que "non lle avergoña" gañar diñeiro "coidando os que máis o necesitan".
Vacinación
Ao pouco tempo, volveu saltar á polémica cando foi (xunto co seu irmán) una das primeiras vacinadas contra a Covid na Galiza, en xaneiro de 2021.
Recibiu a primeira dose na residencia DomusVi Vigo despois de que o centro incluíse a conselleira delegada na lista dos seus traballadores.
Meses despois desta polémica, Josefina Fernández deixou de ser CEO da compañía despois de 20 anos e pasou a desempeñar a presidencia institucional, até que a semana pasada se apartase definitivamente.