A fundadora de DomusVi deixa a compañía após 23 anos e múltiples polémicas

Feixoo entregándolle a medalla de Ouro a Josefina Fernández Miguélez (Foto: Nós Diario).
Josefina Fernández foi moi cuestionada desde os colectivos de familiares e usuarios e, mesmo, desde a política pola xestión da pandemia da Covid-19 nas residencias.

Josefina Fernández Miguélez, fundadora de DomusVi, compañía do sector das residencias e a atención a persoas maiores, deixou a compañía o pasado 31 de marzo despois de 23 anos para emprender “unha etapa profesional”.

DomusVi viviu múltiples polémicas durante a pandemia da Covid-19. Esta empresa antes coñecida como Geriatros, foi albo de críticas pola súa xestión nos últimos tempos.

Fernández foi moi cuestionada desde os colectivos de familiares e usuarios e, mesmo, desde a política pola xestión desta crise sanitaria, até tal punto de protagonizar un enfrontamento coa oposición no Parlamento galego (BNG e PSdeG) durante a súa comparecencia na comisión para a reactivación poscovid en novembro de 2020, na cal recoñeceu que "non lle avergoña" gañar diñeiro "coidando os que máis o necesitan".

Vacinación

Ao pouco tempo, volveu saltar á polémica cando foi (xunto co seu irmán) una das primeiras vacinadas contra a Covid na Galiza, en xaneiro de 2021.

 Recibiu a primeira dose na residencia DomusVi Vigo despois de que o centro incluíse a conselleira delegada na lista dos seus traballadores.

Meses despois desta polémica, Josefina Fernández deixou de ser CEO da compañía despois de 20 anos e pasou a desempeñar a presidencia institucional, até que a semana pasada se apartase definitivamente.