O lecer nocturno precisará da aplicación oficial para validar o QR do Certificado Covid

Control de acceso na proba piloto do lecer nocturno que decorrera na sala Pelícano da Coruña. (Foto: Europa Press)
O Goberno galego impón só a ferramenta de control telemático creada pola Consellaría de Sanidade. As distintas medidas que foi estabelecendo a Xunta nos últimos días quedan prorrogadas até o 18 de decembro após a autorización do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). As e os xuíces consideran que a decisión está xustificada polo incremento dos contaxios.
Os locais do lecer nocturno seguirán obrigados a solicitar o Certificado Covid á clientela, polo menos, até o 18 de decembro. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar este requisito para os estabelecementos de hostalaría nocturna, que só poderán validar o QR que aparece nos documentos coas aplicacións oficiais. É dicir, será preciso contar coa Passcovid da Consellaría de Sanidade.

"Esta condición introduce seguridade xurídica e certeza nas persoas encargadas de facer a comprobación e, ao mesmo tempo, disipa na persoa que exhibe o documento calquera suspicacia sobre a almacenaxe dos datos", destacan desde a sala terceira do contencioso-administrativo para xustificar o emprego dunha única ferramenta.

Ademais, o Goberno galego foi o que pediu especificamente que a verificación sexa "exclusivamente" en soporte telemático mediante a lectura dos códigos QR que inclúen os pasaportes, o cal entra en vigor esta fin de semana, tras a publicación desta decisión no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Con esta modificación, mantense a vixencia da exixencia do Certificado Covid para acceder aos negocios de ocio nocturno. Igualmente, haberá que presentar a documentación nos hospitais, cando unha persoa sexa acompañante ou visita dunha doente, algo que precisamente criticaba esta quinta feira o sindicato de enfermaría (Satse) no país.

Controlar o risco de transmisión

Os xuíces basean a súa autorización á prórroga da exixencia de exhibir os datos "nunha tendencia epidemiolóxica de aumento de incidencia en todos os concellos da Galiza", polo que entenden que a aplicación resulta "xustificada e proporcionada".

A sala tamén considera a medida idónea, é dicir, eficaz para impedir a transmisión do virus, pois, segundo numerosos estudos científicos, "a contorna de lecer en lugar fechado e o perfil de xente que acode a el, de menor idade, son factores de alta transmisión".

Mentres a Xunta expón ampliar a demanda do papel a ximnasios, hospitais de día e outras actividades fechadas, tal e como avanzou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

O TSXG lembra que a sentenza do Tribunal Supremo do pasado 14 de setembro declarou que, aínda que este tipo de demandas poden supoñer "a limitación tenue dos dereitos fundamentais á intimidade e á igualdade", están xustificadas e son proporcionadas "pola concorrencia coa necesidade dunha forte salvagarda dos dereitos á vida, á integridade física e á propia saúde".

Ademais, fai referencia á recente sentenza do Tribunal Supremo, do pasado 1 de decembro, na que anula unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco denegatoria destas mesmas medidas de control de acceso a empresas do sector.