Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino: "É hora de que a Consellaría valore o profesorado e o seu traballo"
—A CIG-Ensino abre o curso cun chamamento firme á mobilización e a promesa dunha "loita" continuada. Por que?
Por desgraza, levamos unha serie de cursos, desde que rematou a crise, que comezamos con manifestacións e xornadas de folga, o primeiro en 2019, para pedir a redución horaria do profesorado. Unha vez superada a pandemia retomamos esa loita para recuperar os dereitos que nos foran roubados e que aínda non foron restituídos. Cando en 2023 se asinou o acordo de melloras, para nós totalmente insuficiente, vimos que as políticas de recortes se mantiñan e continuaron as mobilizacións. O curso pasado xa rematamos dicindo que se isto seguía así comezariamos outro curso movido.
A nosa mensaxe foi moi clara: hai que rectificar, recuperar e recoñecer. Son as tres palabras que marcan a campaña que temos en marcha. Hai que rectificar ese acordo a todas luces insuficiente para implantar melloras de verdade, recuperar os dereitos que nos foron arrebatados e recoñecer o profesorado. É hora de que a consellería valore o profesorado e o seu traballo; que recoñeza que son os e as docentes quen sosteñen o ensino público a pesar de todos os atrancos. Decidimos non agardar máis. Precisamos saír á rúa e loitar para que muden estas políticas de recortes do PP no ensino público, porque cando recortas dereitos á clase traballadora estás minguando o servizo público que ofrece.
—Canto van durar as protestas?
Até que consigamos recuperar dereitos. Comezamos no mes de setembro, pero temos claro que se isto non muda, se non se ofrece por parte da Consellaría unha mellora real para o profesorado, que sexa palpábel desde xa e non só propaganda, seguiremos no mes de outubro, seguiremos no mes de novembro e seguiremos até conseguilo, aumentando as mobilizacións.
—Algúns centros educativos están a anunciar as súas propias protestas, con demandas que replican as reivindicacións da CIG-Ensino ante a Consellaría de Educación. Son necesidades reais...
Son reais e permítennos ver no concreto o que nós reclamamos de forma colectiva. Por outra parte, é certo que vivimos nunha sociedade cada vez máis individualista e ás veces, até que non sentimos as carencias no noso propio centro non nos movemos, por iso nós queremos que o profesorado se una, que o profesorado saia e se mobilice en bloque. O curso pasado foi tremendo e este que comeza apunta no mesmo sentido. Nós sempre que tivemos coñecemento destas iniciativas nunca dubidamos en apoialos e axudalos, pero é importante que o profesorado se una, sen esperar a sufrir os recortes no seu centro. Temos que ser capaces de ver a realidade doutros centros, a realidade doutros corpos docentes; temos que ser capaces de solidarizarnos e de ir unidas nesa loita.
—Moitas das demandas dos centros en materia de persoal docente, de apoios educativos, de reforzos... chegan desde o rural. En que condicións arranca o curso fóra das grandes vilas e cidades?
Un colexio no rural probabelmente non sexa rendíbel, no sentido de que o gasto económico que supón é moi elevado con respecto a outro que poida estar, por exemplo, en Santiago. A realidade que estamos vendo no rural, coas políticas de abandono á que nos ten afeitas o Goberno da Xunta, é que os colexios están minguando en alumnado. Se a esa perda lle sumas a dun docente, o único que consegues é quitarlle vida. Obrígalo a renunciar a proxectos interesantes porque non hai profesorado con horario dispoñíbel, déixalo sen profesorado de garda ou substituto. Ou pasa o que vemos estes días no colexio do Páramo (comarca de Sarria), onde teñen que meter 37 alumnos de Primaria en só dúas aulas, con 18 crianzas de tres niveis distintos cada unha e 18 realidades educativas distintas en cada grupo.
Despois vemos escolas e institutos con horarios imposíbeis, supeditados a un transporte escolar que non sempre é eficiente, ou sen profesorado especialista en materias como a de música, ou sen optativas que o alumnado das cidades si pode escoller na secundaria. Non hai unha aposta polo rural.
—E cal é a realidade nas cidades?
Nas cidades, a principal problemática que teñen os nenos e as nenas son as aulas masificadas, o que dificulta atender de forma individual as crianzas que o necesitan. Ademais, faltan recursos humanos para que se poidan dar apoios ou facer desdobramentos de aulas. Despois, canto máis alumnado, máis problemas de conduta se poden dar, e temos centros con 600 estudantes con un só orientador ou orientadora para atender nenos con necesidades educativas, para facer formación laboral e para coordinar os proxectos de convivencia. É imposíbel. Polo tanto, o que temos son profesores e profesoras queimadas, saturadas, con aulas de case 30 alumnos, algúns repetidores e outros con necesidades educativas e sen reforzos.
—A redución das ratios é unha reivindicación que vén de vello e que figura no pacto dalgúns sindicatos e do que se desmarcou a CIG-Ensino, asinado en 2023. Que mudou este contrato?
Na práctica, nada. As dúas únicas melloras que se deron foron a redución horaria de 25 as 23 horas lectivas en Primaria, máis esta diminución non veu acompañada dun aumento dos recursos nos centros educativos, o que resultou nunha perda de apoios para o alumnado, e a redución das ratios en Infantil, que non facía falta que viñese en ningún acordo, porque, por desgraza, a natalidade xa se ía encargar desas baixadas. Se nos vamos a Secundaria e Bacharelato, non viron absolutamente nada, ningún cambio, ningunha mellora; e nestas etapas as ratios nin sequera están calendarizadas. O acordo de melloras saíu de tres peticións básicas: horario, ratios e burocracia. Ningunha se pode vender como unha mellora.
—Canda estas reivindicacións, outra das máis soadas é a que ten a ver coa atención á diversidade. Atopan resposta nas aulas ás necesidade do alumnado?
A realidade do sistema educativo mudou moito nos últimos anos. No papel, hai unha inclusión altísima. Abrimos as portas dos centros educativos aos nenos e nenas con discapacidades e necesidades específicas de apoio educativo e iso está xenial, porque a diversidade é riqueza e moito máis no mundo educativo. Pero agora que os temos dentro precisan dun apoio que se ten que materializar, principalmente en profesorado especialista de pedagoxía, de audición de linguaxe e de orientación, en formación do profesorado e en orzamento, que debe reverter na contratación de especialistas pero tamén no reforzo dos equipos de orientación.
Galiza conta só con catro equipos de orientación específica para atender todo un país, e non abondan para valorar e responder a todos os diagnósticos ou necesidades que poidan xurdir, por exemplo, entre o alumnado migrante. Ningunha dificultade debera quedar relegada por falta de recursos, pero a escaseza de persoal e de medios, agora mesmo, obriga a escoller e a priorizar uns casos sobre outros.
—Será suficiente o persoal docente que na segunda feira reciba o alumnado galego nas aulas?
Será insuficiente, primeiro, porque a realidade da diversidade non ten nada que ver coa de hai de 15 anos, como dicía, e segundo, os orzamentos da Xunta para profesorado, quitando 2021, é aínda menor que o de 2009. Son números que están no papel. Despois, non hai que perder de vista que os docentes comezan cun horario lectivo saturado, moitos sen reducións horarias, con titorías e departamentos ao seu cargo e que ser atopan sen reforzos nin horas dispoñíbeis para coordinalo todo. A realidade, repito, é que temos orzamentado o mesmo número de profesorado, cunhas condicións cada vez máis precarias; este ano, en concreto, con perto de 300 contratacións a media xornada, unha cifra que nunca antes se dera no ensino público galego.
—Após 10 anos de E-Dixgal, será o primeiro dun modelo híbrido que Educación busca consolidar.
Falamos dun plan dixital que desde a súa implantación a Xunta nunca chegou a avaliar, a pesar das múltiples queixas. En 2022 sacamos unha enquisa e os datos eran escandalosos, de profesorado que criticaba o funcionamento dos ordenadores, dos materiais dispoñíbeis, do fomento que supuña das competencias dixitais... Non foi até que se multiplicaron as protestas das familias que decidiron recuar. E recuar daquela maneira, porque todo se reduce a introducir libros de texto en dúas ou tres materias. E-Dixgal é exemplo de algo caracteriza este Goberno do PP, que é a falta de negociación. Aquí introdúcense cousas sen pasar pola mesa sectorial e sen ter en conta a opinión do profesorado. Sucede o mesmo agora coa 'lei dixital'.
—Tamén coas instrucións que obrigan a unha suposta "neutralidade ideolóxica" nas aulas?
O mesmo. Non pasaron por ningunha mesa de negociación. Para a Xunta, o obxectivo está conseguido, pero nos imos loitar para que non sexa así. Esa instrución estabelece un control e unha rixidez na programación xeral anual (PXA) até agora descoñecida. Como que unha PXA só pode ser modificada de forma excepcional e baixo a supervisión da Inspección? Onde queda a liberdade de cátedra? O que fixeron foi alentar que o profesorado se autocensure, o peor que pode pasar nas aulas.
O decreto 'de plurilingüismo' fai tres lustros: "15 anos de descreto"
En maio de 2010 Alberto Núñez Feixoo, daquela presidente da Xunta da Galiza, impulsou o Decreto 79/2010 "para o plurilingüismo no ensino non universitario da Galiza", unha norma que veu derrogar o Decreto 124/2007 impulsado polo Goberno de PSdeG e BNG e que regulaba o uso e promoción da lingua galega na escola. A mudanza aspiraba "á obtención dunha competencia adecuada en lingua galega sen o estabelecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias en castelán". 15 anos despois, o uso do galego caeu en picado entre a rapazada.
Co gallo deste aniversario, a CIG-Ensino lanza dúas campañas que buscan radiografar o impacto do decreto e alentar o ensino en galego. Son dúas iniciativas en dous tons diferentes. O primeiro, de denuncia, baixo o lema "15 anos de descreto", e o segundo, de orgullo reivindicativo, con chapas e colantes que xa están chegando ás aulas co lema "Eu ensino en galego". Chegan canda o profesorado máis novo, o último en se incorporar aos centros, unha xeración de docentes que xa é filla do 'decreto do plurilingüismo', lembra Laura Arroxo.

