Laura Arroxo será a nova secretaria da CIG-Ensino

O IX Congreso da CIG Ensino, que decorre este sábado 7 de xuño en Compostela, escollerá como secretaria nacional a Laura Arroxo, quen sucede na responsabilidade a Xesús Bermello, que dirixiu a organización nos últimos oito anos e que se xubilará a comezos do vindeiro curso.

RP 9 Congreso
Laura Arroxo e Xesús Bermello, onte na presentación do congreso en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Laura Arroxo, quen encabeza a única candidatura á secretaria nacional da CIG-Ensino, ocupou nos últimos anos a Secretaría de Acción Institucional e Área Pública do sindicato, sendo una das colaboradoras máis próximas de Bermello. A este respecto, desde a organización destacan que a súa elección representa, "xunto cunha maioría de mulleres na actual Executiva, unha clara aposta por reforzar o papel destas nos órganos de dirección do sindicato, sendo ademais a primeira muller en ocupar a Secretaría Nacional do sindicato maioritario entre o persoal docente".

Resultados históricos

Bermello, que compareceu esta quinta feira en Compostela con Arroxo para presentar o congreso da CIG-Ensino, destacou o labor desenvolvido pola organización nestes últimos catro anos. A este respecto, sinalou que "o sindicato rompeu no ensino público non universitario todos os seus teitos electorais, superando os anteriores logros tanto en representación como en votos e confirmando a súa referencialidade no sector". Precisamente, a CIG alcanzou nos comicios sindicais do ensino non universitario desenvolvidos en decembro de 2022 o 53% da representación na mesa sectorial docente. 

"Un tempo", incidiu Xesús Bermello, "no que o primeiro sindicato do país tamén revalidou o seu lugar como primeira forza sindical entre o profesorado universitario, mentres lograba esa mesma posición en sectores do ensino privado como a educación especial, nas escolas infantís de 0-3 ou mesmo nos centros de menores".

O relatorio sometido a debate indica que o sindicato "consolidou neste período un forte incremento da afiliación, perto do 20% en catro anos, na liña do conseguido por toda a central sindical, consolidando a plena independencia económica que caracteriza desde sempre o sindicato nacionalista e que evita calquera tipo de ataduras ou inxerencias políticas ou económicas". Neste sentido, conclúe que a "fortaleza económica, acción mobilizadora, respaldo social e forte cohesión interna caracterizan o sindicato maioritario no ensino público".

O congreso desenvolverase cando se fan 51 anos da fundación durante a ditadura franquista da Unión de Traballadores do Ensino da Galiza (UTEG), o primeiro sindicato nacionalista da Galiza e antecedente da CIG-Ensino. Porén, antes do congreso, terá lugar hoxe en Compostela unha xornada de traballo con diferentes organizacións internacionais. Tamén decorrerá hoxe o encontro da Confederação Sindical da Educação dos Países de Língua Portuguesa CPLP-SE, que agrupa as organización sindicais dos países da lusofonía e que analizará "a situación de emerxencia lingüística que vive Galiza", así como "a falta de vontade política do Goberno de Alfonso Rueda para impulsar o coñecemento do portugués no sistema educativo". Asemade, a CIG-Ensino manterá reunións de debate cos sindicatos nacionalistas de Catalunya e Euskal Herria.

Comentarios