'Kirk' deixa ao seu paso pola Galiza máis de 1.300 incidencias, con ventos de até 150 km/h
Un total de sete ríos continúan en vixilancia polo seu elevado caudal: o Dubra, o Mandeo, o Mendo, o Tea, o Lérez, o Ladra e o Ouro.
A borrasca Kirk deixou ao seu paso pola Galiza un total de 1.322 incidencias, a metade delas concentradas no suroeste do país, fundamentalmente por estradas cortadas, desprendementos e inundacións provocadas polos ventos de até 150 quilómetros por hora e as chuvias que, nalgúns puntos, superaron os 90 litros por metro cadrado.
A Axencia Galega de Emerxencias fixo balance das últimas 24 horas nas que a entrada do ex furacán Kirk causou unha cantidade de incidencias que obrigou a despregar aos servizos de emerxencias pola práctica totalidade do territorio galego. A pesar do elevado número de incidencias, non houbo que lamentar persoas feridas no primeiro gran temporal da tempada na Galiza.
Entre a terza feira e as 19 horas desta cuarta feira, a central do 112 atendeu máis de 1.300 incidencias, 732 delas no suroeste, onde se atopa o municipio máis afectado pola borrasca, Vigo. Na cidade olívica producíronse 157 intervencións contabilizadas pola central de emerxencias, fundamentalmente para retirar árbores caídas sobre coches ou vías de comunicación e garantir a seguridade de puntos afectados por estragos provocados polos ventos que mantiveron en aviso vermello o litoral durante as horas centrais do día.
O segundo municipio máis afectado foi Santiago, con 67 incidencias, entre as que destacou o desprendemento da cuberta do conservatorio de música ou a caída de parte do tellado dun edificio situado na rúa do Preguntoiro, así como a caída de varias árbores na Alameda.
A cidade de Pontevedra, con 59, A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), con 53, ou Nigrán (comarca de Vigo), con 37, foron, tras Vigo e Santiago, os municipios que requiriron de máis intervencións de emerxencia vinculadas ao paso de Kirk.
A metade, árbores e ramas en estradas
Más da metade dos problemas causados polo temporal foron a caída de árbores e ramas en estradas (791), seguido tamén por cables e postes de luz ou teléfono derrubados (166). Tamén se deron 133 actuacións para previr posíbeis riscos.
As últimas horas foron as máis tranquilas das últimas 24, aínda que o traballo dos servizos de emerxencia prolongábase debido á acumulación de incidencias previas. De feito, unha dotación do GES de Mugardos (Ferrolterra) sufriu un accidente, que resultou sen feridos, cando acudiu a retirar unha árbore que bloqueaba unha estrada en Valdoviño (na mesma comarca).
Así, entre as 15 e as 19 horas producíronse 178 sucesos, con Vigo (19) e Santiago (17) como puntos máis afectados. Destaca a intervención por unha inundación na parte subterránea dunha casa en Ames (comarca de Compostela) na que se chegaron a acumular 60 centímetros de auga, a caída dun poste de formigón sobre dous coches en Nigrán ou as dificultades dos pais do alumnado dun colexio en Begonte (A Terra Chá) para ir recoller aos seus fillos e as súas fillas porque unha árbore cortaba totalmente a estrada.
Inundacións
As choivas torrenciais que deixou Kirk ao seu paso, que alcanzaron os 90 litros por metro cadrado en Rois (O Sar) ou Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), provocaron o desborde de ríos en distintos puntos da xeografía galega, como Padrón (O Sar), Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra) ou Abadín (A Terra Chá), entre outros.
Ademais, tamén provocou o desborde dunha presa en Aranga (As Mariñas) que asolagou as inmediacións. A pesar de finalizar o período de paso da borrasca pola Galiza e retirárense todas as alertas no interior, o 112 apela a continuar coas precaucións, especialmente na costa, que continúa en aviso laranxa.
Así mesmo, un total de sete ríos permanecen en vixilancia polo seu elevado caudal. Trátase do Dubra, o Mandeo, o Mendo, o Tea, o Lérez, o Ladra e o Ouro.


