Karina Ochoa, activista decolonial: "América Latina foi e segue a ser o laboratorio de políticas que despois se globalizan"

Karina Ochoa no Hostal dos Reis Católicos en Compostela (Foto: Arxina).
Karina Ochoa (Cidade de México, 1975) é unha escritora, académica, feminista e activista mexicana especializada na problemática colonial. Esta cuarta feira reabriu en Compostela o ciclo 'Diálogos desde a periferia', promovido pola Fundación Galiza Sempre en colaboración con Coppieters Foundation. 

O colonialismo e os feminismos decoloniais centran boa parte do seu traballo como activista e pensadora. Onde cómpre situar o debate sobre o feito colonial?

Moitas veces pensamos o colonialismo como algo que está fóra de Europa, que mira o problema colonial como algo que sucedeu ou sucede lonxe das súas experiencias e territorios. Eu quero pór en cuestión esa idea, porque, se ben o colonialismo foi unha experiencia que afectou fundamentalmente aos pobos colonizados, xerou patróns ou mecanismos de dominación que non só tiveron impacto nas poboacións colonizadas senón que reorganizaron xeopoliticamente o mundo e estruturaron un horizonte de sentido que configurou a orde civilizadora moderna.

A experiencia de conquista e colonización de hai 500 anos, que atravesa particularmente os nosos antepasados en América afecta directamente esas poboacións porque reorganiza a forma de existencia neses lugares: houbo xenocidios, impedíusenos reproducir a nosa lingua, os nosos canons artísticos, as nosas formas políticas e a nosa maneira de sentir, facer e pensar o mundo. Impúxosenos unha lóxica da cristiandade que viña da experiencia dos colonizadores. Eses patróns de dominación colonial que aplicaron configuráronse en patróns de dominación que organizarían xeopoliticamente o mundo. Polo tanto, a modernidade como horizonte civilizador constrúese a partir da experiencia colonial.

No mesmo momento que Colón pisa terra firme comeza a historia anticolonial

Podemos atopar aquí vestixios desa experiencia colonial?

Eu podo contar a miña experiencia. Levo varios días na Galiza e tiven a oportunidade de visitar o Pazo de Meirás. Este conxunto canoniza e mostra a lóxica de dominación e espoliación á que se viu sometido historicamente o pobo galego a mans de Franco, como representante do Estado. Cando vin a indignación que xera o feito de que os descendentes do ditador recorran os ditames xudiciais que piden abrir as portas de Meirás e devolver todo o espoliado, de súpeto, vin niso a historia de máis de 500 anos dos pobos de América Latina, espoliada de forma permanente.

Todo o ouro e a prata que se extraeu desde o século XVI e veu a través dos Reinos de Castela e Aragón mais de Portugal permitiu un desenvolvemento produtivo de Europa que hoxe chamamos capitalismo, e que posibilitou, ademais, a xeración desa condición de privilexio que aínda viven os nortes globais, os países do primeiro mundo. Non se pode desligar o crecemento do imperialismo europeo do proceso colonial.

Quere dicir que o colonialismo explica patróns de dominacións que van máis aló da simple subordinación dos pobos?

Si, e iso significa entender que América Latina foi durante 500 anos un laboratorio político que hoxe en día segue funcionando para implantar políticas que despois se globalizan. A pesar das independencias e do paso do tempo, os patróns de dominación colonial seguen expresándose na nosa vida, na forma de facer política e nas dinámicas do colonialismo.

Os dispositivos de dominación que se aplican na conquista contra as poboacións indíxenas teñen moito que ver cos xa experimentados coas mulleres

A finais dos anos 80 e durante a década dos 90 entran con moita forza en América Latina as políticas neoliberais, de axuste estrutural e apertura comercial, acompañadas dos procesos de transición democrática que alí tiveron a mesma función que os réximes ditatoriais e autoritarios. Nese momento produciuse unha reacción e unha mobilización social que sería a cerna do  debate decolonial, unha serie de respostas a esa políticas que xorden moi axiña. O zapatismo é unha das expresións máis potentes desa resistencia fronte a esa orde global que chegará a Europa case dúas décadas despois, máis refinada.

En que momento comeza a tradición anticolonial?

No mesmo momento que Colón pisa terra firme comeza a historia anticolonial. Pero o debate decolonial comeza a cobrar importancia no momento xusto de apertura comercial, que cadra co 500 aniversario do mal chamado descubrimento de América, que abre toda unha veta de reflexión en América Latina, que ve a necesidade de contar a súa propia historia de modernidade. 

Aí despunta o debate decolonial. Cales son as achegas do feminismo a este diálogo?

Son plurais. Hai moitas posicións ao respecto, pero eu defendo que no proceso de colonización hai un proceso de feminización do outro. O indio constitúese a partir da mirada do colonizador como un suxeito penetrábel, que pode ser aniquilábel. Os dispositivos de dominación que se aplican na conquista contra as poboacións indíxenas teñen moito que ver cos xa experimentados coas mulleres. O xénero é moi importante. Xa non determina o uso deses patróns de dominación, aplicados a poboacións enteiras. O xénero transfigúrase e a raza opera no seu lugar. Por iso o debate feminista e o debate colonial son inseparábeis.

"Se nos tocan a unha, tócannos a todas"

O proceso de feminización da poboación indíxena colonizada pasa por varias rutas, afirma Karina Ochoa: "Por prácticas de opresión materializadas nos corpos, na espoliación territorial mais en procesos de tutela do indio", declarado incapaz para autogobernarse e, polo tanto, merecedor dunha tutela que "se asemella a que exerce o home sobre a muller, perpetua". Esta proposta, amplamente debatida, asegura a pensadora mexicana, "ten moitas implicacións en termos das prácticas actuais de dominación sobre os corpos femininos nos nosos territorios.

Hai un lema que di: 'Se nos tocan a unha, tócannos a todas'. E isto é literal, porque os corpos femininos son os primeiros en seren atacados polos dispositivos neocoloniais". E pon como exemplo as desaparicións das mulleres de Ciudad Juárez hai máis de 30a anos, racializadas, empobrecidas, migrantes que acabou por estenderse aos homes e á poboación xeral.