Opinión

Dominación polo sexo: colonialismo e violencia contra as mulleres

Logo de vivir seis anos en Marrocos e volver de cando en vez, sinto que o coñecemento e o apego ao país medra, e con eles a necesidade de afondar nalgúns temas pouco coñecidos por estes pagos. Eis o caso da cruel violencia exercida contra as mulleres “moras” por parte dos militares españois, en especial pola “Policía Indígena”, durante o período das Guerras do Rif (1911-1927): unha práctica estarrecedora, que tamén foi empregada por todos os exércitos coloniais europeos sen excepción, no resto do continente africano.

Das atrocidades e vexacións sufridas polas mulleres indíxenas, temos algunhas referencias no libro Escritos Africanos (Melilla, 2019) de Dionísio Pereira; outras, están incluídas no Expediente Picasso (1922) redactado tras os sucesos de Annual polo xeneral Juan Picasso, no que se recoñece o malestar de certas cabilas tras os actos realizados por algúns oficiais. Este informe, recolle varios testemuños sobre abusos cometidos tanto por mandos españois como por axentes rifeños da “Policía Indígena”, contra as mulleres das cabilas rurais. Entre estes testemuños, cabe salientar o de dous frades pertencentes á Misión Franciscana de Nador que denunciaron como causa do desacougo das comunidades en cuestión, quer o maltrato recibido pola poboación indíxena, quer os abusos que padecían as mulleres.

Naquela altura, o socialista Indalecio Prieto, correspondente en Melilla do xornal bilbaíno El Liberal, acusará con nome e apelidos un destes oficiais por ter violado no territorio do Kert medio centenar de mulleres musulmás. E nas súas controvertidas Memorias, o propio líder rifeño Abd el Krim considera responsables indirectos a estes militares das terribles vinganzas levadas a cabo contra os soldados españois tras a rendición de Monte Arruit. En palabras de Abd el Krim: “Aquelas represalias sen piedade foron consecuencia dos horrores aos que someteron á poboación que, sen embargo, dicían que viñan protexer e civilizar”. O escritor catalán Josep María Prous i Vila, que visitou como soldado aquel lugar meses despois, recolleu algunha versión na que se atribuía a tortura e castración de soldados hispanos a mulleres indíxenas daquela contorna que, previamente, padeceran abusos e violacións. Algúns anos antes dos episodios de Annual e Monte Arruit, outro escritor, Luis Antón del Olmet, describira nas páxinas da súa inclemente novela Un sol bárbaro, muere (Madrid, 1911) a extrema violencia de xénero por parte dos soldados españois. E xa na actualidade, na literatura española contemporánea atopamos tan só referencias illadas ás repetidas violacións de mulleres rifeñas polas tropas hispanas, caso da obra de Lorenzo Silva Carta Blanca (Madrid, 2005).

Naquela altura, o socialista Indalecio Prieto, correspondente en Melilla do xornal bilbaíno El Liberal, acusará con nome e apelidos un destes oficiais por ter violado no territorio do Kert medio centenar de mulleres musulmás

A intervención colonial francesa tampouco foi allea á dominación sexual, sufrida por moitas mulleres marroquinas, tunesinas e sobre todo alxerianas, xa que alí a violación foi empregada a eito como unha terrorífica acción militar de represalia. Daquela, mentres omitía os atropelos das súas propias tropas, a prensa francesa informou de abusos e casos de corrupción cometidos polo exército expedicionario hispano durante o Protectorado; unhas informacións que foron consideradas calumnias pola Restauración borbónica española: tal aconteceu cun artigo do xornalista franco-marroquino Rober-Raynaud, publicado a comezos de setembro de 1921 no xornal parisino Le Matin, no que describía a desbocada intervención, violacións incluídas, das tropas hispanas nas cabilas do entorno de Alhucemas. 

En todo caso, o corpo da muller musulmá colonizada no Maghreb tamén foi arma de guerra para o aparato militar francés, tal e como demostrou o libro Sexe, Race et Colonies. La domination des corps du XVe siècle à nos jours (París, 2018). O intenso debate que xeraron estas páxinas chegou a Marrocos e, como consecuencia, uns meses despois o nº 96 da revista de historia Zamane incluía o dossier L´autre visage de la colonisation. La domination par le sexe. A violación, mais tamén a prostitución organizada ao servizo dos exércitos coloniais, foron armas empregadas para o sometemento da poboación, pero diso falaremos outro día.

Comentarios