Juan Carlos I voltará a vindeira a semana a Sanxenxo, a 15 quilómetros de Felipe VI, que estará na Toxa

O rei emérito, Juan Carlos I, saudando a bordo do 'Bribón'. (Foto: José Oliva / Europa Press)
O rei emérito visitará Galiza por cuarta vez desde que fuxiu aos Emiratos Árabes e coincidirá na comarca do Salnés co seu fillo, o actual xefe do Estado, que participará do acto inaugural do 'Foro La Toja', na illa da Toxa.

O actual xefe do Estado, Felipe VI, e o seu pai, o rei emérito Juan Carlos I, estarán a escasos 15 quilómetros de distancia a vindeira semana cando ambos os dous, por separado, visitarán Galiza, sen que polo de agora haxa previsión dun encontro entre pai e fillo, que se viron por última vez o pasado mes de xaneiro en Grecia no funeral de Constantino II, irmán da emérita española Sofía.

Segundo a información transcendida até o momento, Juan Carlos de Borbón chegará a Sanxenxo (O Salnés) a vindeira segunda feira para participar nas regatas que comezarán na quinta feira. O emérito competirá, se a meteoroloxía así o permite, a bordo do Bribón na oitava Regata Rei Juan Carlos I, que arrincará contra as 16 horas da quinta feira, segundo o calendario do Real Club Náutico de Sanxenxo.

Pola súa parte, Felipe VI chegará á illa da Toxa esa mesma quinta feira para participar do acto inaugural do 'Foro La Toja', ás 16.30 horas, segundo figura na axenda oficial de Zarzuela, na que non se inclúe ningún encontro co ex monarca, se ben xeralmente este tipo de citas de índole persoal e familiar non adoitan aparecer reflectidas. Acompañarano o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o presidente do grupo Hotusa, Amancio López.

Esta será a cuarta visita que o antigo monarca realizará á Galiza desde que fuxiu do Estado español para estabelecer a súa residencia en Abu Dabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos (EAU), en agosto de 2020. Só na súa primeira visita, a realizada en maio de 2022, Juan Carlos I mantivo un encontro con Felipe VI no pazo da Zarzuela.

Con todo, pai e fillo tiveron ocasión de verse noutras dúas ocasións nestes tres anos. Ambos os dous asistiron hai un ano en Londres ao funeral de Isabel II, onde o protocolo británico sentou os eméritos canda Felipe VI e a raíña Letizia. A última vez que coincidiron foi en xaneiro, cando asistiron en Atenas (Grecia) ao funeral de Constantino II. Daquela, a televisión pública grega difundiu unhas imaxes nas que o actual xefe do Estado saudaba afectuosamente o seu pai e ambos os dous intercambiaban unhas palabras.

Así as cousas, as visitas de Juan Carlos I á Galiza xa empezan a ser habituais. En contraste coa primeira, na que todos os seus movementos estiveron seguidos en todo momento pola prensa e xeraron unha grande expectación, nas últimas optaron por manter un perfil baixo, centrándose nas regatas.

A última vez que estivo en Sanxenxo foi a finais do pasado mes de xullo. Xa entón, o emérito adiantara que volvería "cedo" e "moitas veces" durante este verán. Agora, Juan Carlos I cumprirá coa súa palabra e volverá ao municipio pontevedrés, previsiblemente, o vindeiro luns.