Jesús Domínguez: "Foi Renfe a que solicitou a desconexión da seguridade"

Vítimas do accidente do Alvia en Angrois ante as portas do xulgado de Compostela en xullo de 2020 (Imaxe: Europa Press).
Por terceira vez, o maxistrado responsábel da instrución xudicial do accidente de Angrois en 2013 decidiu fechar a investigación. A plataforma de vítimas do accidente ferroviario, no que faleceron 80 persoas, anunciou que recorrerá e pedirá incriminar a Renfe, á que tamén fai responsábel. 

—Que valoración fan do terceiro fechamento da investigación polo xuíz instrutor?
A sensación é agridoce. Está imputado un responsábel do Adif e o xuíz sinala claramente que se incumpriu a normativa cando se mudou o proxecto da vía ou se desconectou o sistema de seguridade sen análises de riscos previas. Estamos satisfeitos por esa parte, pois demostra que a investigación técnica que encargou o Goberno estatal foi unha farsa, xa que sinalaba só o maquinista.

—Anunciaron que recorrerán a decisión do maxistrado, Andrés Lago.
A compañía Renfe recibiu avisos dun xefe de maquinista que contactou con dez altos cargos para advertilos do perigo da curva do accidente. A maiores, foi a propia Renfe a que solicitou a desconexión do sistema de seguridade dese tramo debido aos atrasos que ocasionaba. Por iso, pensamos que o director de seguridade de Renfe tamén ten que estar imputado.

—En 2018, no segundo fechamento da investigación, o xuíz xa imputara o maquinista, Francisco José Garzón, e o antigo director de Seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Perciben cambios salientábeis daquel auto ao actual?
Penso que o maxistrado foi máis contundente cando se refire o incumprimento da normativa. O que lamentamos é que quede sen aclarar o borrado dos datos de avarías e revisións do tren sinistrado por Talgo, do que informou nunha declaración xurada un ex técnico que revisou o convoi. O xuíz di que non tivo relevancia penal, mais parécenos grave que non se saiba se Talgo borrou ou non eses datos

—Desde a plataforma, veñen denunciando os atrancos na investigación xudicial por parte de Renfe e Adif. 
Non o dicimos nós, senón o primeiro xuíz da causa, Luis Alaez, que os apercibiu porque non entregaban a documentación que se reclamaba. As análises de riscos e outra documentación importante entregámola as propias vítimas grazas a persoal que nolas entregou. A maiores Alaez, que imputou a cúpula de Adif e estaba a facer un bo traballo, foi remudado da súa praza sen poder finalizar a instrución.

—Desde a plataforma teñen sinalado que as responsabilidades non só son técnicas, senón políticas.
Isto non queda reflectido no proceso. Nós reclamamos que se leve a cabo unha investigación técnica independente, porque a que fixo o Goberno estatal non vale. E nese intento de manipulación, con Ana Pastor á fronte do Ministerio de Transportes, hai xa unha responsabilidade política. A propia Unión Europea pide esa investigación, pero ningún Goberno estatal, nin do PP, nin do PSOE agora con Unidas Podemos, recolle esta petición. E mentres, a que non é válida está no xulgado. E quero lembrar que se impuxeron peritos da Xunta da Galiza na investigación xudicial, cando a Xunta tamén é parte implicada.

—Esta semana volveron lamentar o "ninguneo" dos representantes políticos.
Nun Estado democrático hai tres tipos de responsabilidades; as penais, que as decide un xuíz; as técnicas, o que se fixo mal; e as políticas. Penso que neste caso os políticos se refuxian nos xulgados. A investigación parlamentaria fechou en falso, non puidemos proxectar o documental sobre o sinistro como si fixemos en Bruxelas. O ministro Ábalos non nos recibe, nin o presidente do Goberno estatal; tampouco o vicepresidente Pablo Iglesias, cuxo partido nos apoiou até que chegou ao Executivo estatal como socio do PSOE.

—Que implicou para vostedes este proceso de máis de sete anos de duración? 
Estamos cansos, fartos. É triste ver como funcionan as institucións democráticas. Non nos reciben, maréannos. Estamos decepcionados coa clase política e tamén co sistema xudicial. Nós seguiremos reclamando a investigación técnica independente. O Estado español ten aberto un procedemento de infracción en Bruxelas polo incumprimento en materia de seguridade ferroviaria. Mentres, nós loitaremos no procedemento xudicial. É o que nos queda.