Sete anos sen verdade nin reparación para as vítimas do Alvia

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 volveu reclamar unha investigación independente no sétimo aniversario do accidente. (Arxina)
Máis de 2.500 días e catro Gobernos levan pasado desde o accidente ferroviario de Angrois, sen que as vítimas teñan recibido a información que reclaman para poder "pasar páxina". No sétimo aniversario da traxedia, volven pedir unha investigación independente e culpan de ocultación os sucesivos Executivos en Madrid. 

"Non están esquecidos, están moi presentes. Investigación independente". A reclamación da Plataforma Vítimas Alvia 04155 volveu ecoar onte en Compostela no sétimo aniversario do accidente ferroviario de Angrois que en 2013 custou a vida a 80 persoas e causou lesións a máis de 140 das que realizaban aquela viaxe entre Madrid e Ferrol.

Cunha manifestación que partiu da estación de tren e chegou até o Obradoiro, as e os integrantes do colectivo demandaron de forma pública, de novo, unha investigación técnica independente que esclareza as causas do sinistro, cuxo procedemento xudicial continúa aínda en fase de instrución e sen data para xuízo oral sete anos despois.

"Estamos cansos do ninguneo que vimos recibindo de todos os Gobernos. Son sete anos xa e, como indica Europa, aínda non hai unha investigación independente do ocorrido, algo que di moi pouco da nosa democracia e das nosas institucións  [...]. O único que queremos é saber a verdade porque iso tamén repara", sinalaba onte nunha radio pública o presidente da Plataforma, Jesús Domínguez, quen considera que ese proceso "sería chave para incorporar á causa xudicial e para abrir de novo a investigación Parlamentaria, que non quedou fechada".

As vítimas censuran o papel dos sucesivos Gobernos españois, primeiro do PP e despois do PSOE –agora con Unidas Podemos–. "Nin nos reciben, nin responden ás nosas cartas, é moi lamentábel", criticou o seu portavoz, que resume así a situación de superviventes e familiares: "É unha loita das vítimas contra un Estado que nos nega a verdade".

Ao Parlamento galego

No acto polo aniversario de accidente estivo unha representación do BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que exixirá, no próximo Parlamento galego, esa investigación realizada por persoal técnico independente. "Non se pode tapar unha investigación destas características", manifestou, pedindo para as vítimas "verdade, xustiza e reparación".

A mobilización da Plataforma estivo secundada tamén por representantes do Goberno municipal de Compostela (PSdeG), de Anova e de Ciudadanos.   

A Plataforma denunciaba onte a "lentitude" do sistema xudicial, que mantén aberta a instrución após a incorporación da denuncia dun ex traballador que asegura que aquela xornada recibiu orde de borrar a información de avarías do tren, mais tamén a "ocultación de papeis por parte de Adif, Renfe e Fomento", da que leva anos alertando.