A comisión de investigación creada por Fomento culpa o maquinista do sinistro de Angrois

O informe emitido por este organismo atribúe o accidente a "un exceso de velocidade do tren" e á "falta de atención" do condutor.

A comisión de investigación que o Ministerio de Fomento creou ao fío do accidente ferroviario de Angrois fixo públicas esta cuarta feira as conclusións do seu informe sobre o sinistro. O organismo atribúe as causas do sinistro ao "persoal de condución" por "un exceso de velocidade do tren" e a "falta de atención" do condutor.

Para a comisión de investigación --conformada en boa medida por ex-integrantes da compañía ferroviaria e do Ministerio-- foi a chamada telefónica realizada polo maquinista pouco antes da curva da Grandeira a que motivou a "non aplicación do freo de maneira acaída para reducir a velocidade anter da entrada na devandita curva" e non, como sinalan os informes periciais e o xuíz instrutor, a transición do sistema ERTMS de freado automático a un manual como o ASFA.

Fomento non ve na transición do ERTMS ao ASFA a causa do sinistro, ao contrario que os peritos e xuíz que investigan o accidente

As mudanzas introducidas no proxecto inicial, apunta no seu informe a comisión, non ten "incidencia directa na determinación das causas concretas do accidente acontecido o 24 de xullo de 2013. Para faceren tal afirmación @s técnic@s din que "as circunstancias de incompatibilidade" que terían motivado o cambio ao ASFA poderían producirse igualmente se estiver activado o ERTMS.

As conclusións deitadas por Fomento non coinciden cos autos xudiciais ditados por Aláez que imputou á cúpula de Adif como responsábeis potenciais dun delito imprudente ao considerar que a compañía "omitiu os sistemas de seguridade" que poderían ter evitado a traxedia.

Comentarios