"Israel asasinou máis crianzas que asistentes vai haber a este partido": chaman a se mobilizar por Palestina no Breogán-Hapoel

Bandeiras palestinas nun estadio (Foto: Europa Press)

Prohiben o acceso ao recinto onde se vai disputar o encontro en Lugo con simboloxía palestina. Hai convocados diferentes actos de protesta. A Vicepresidencia da Deputación condenou "calquera restrición do dereito da cidadanía á protesta pacífica".

O Río Breogán compartiu nas súas redes sociais un comunicado onde se informa da prohibición de entrar ao Pazo Provincial dos Deportes de Lugo con bandeiras ou simboloxía relacionadas co conflito entre Palestina e Israel, durante o partido entre a equipa galega e o Hapoel Holon israeli que terá lugar hoxe, cuarta feira, en Lugo dentro da Basketball Champions League (BCL).  

Unha decisión que xerou grande malestar entre parte da afección, que considera que se está a impedir a liberdadede  expresión e mostrar a solidariedade dunha poboación que está a ser bombardeada, con miles de mortos.

"Após as conversas previas mantidas coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a propia competición, prohíbese a introdución e, polo tanto, a exhibición na instalación de pancartas, bandeiras, símbolos ou outros acenos susceptibles de alterar a orde pública con base na situación de conflito internacional actual", sinala o comunicad do clube. A decisión enmárcase no Real Decreto 203/2010 polo que se aproba o Regulamento de prevención da violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte

Protestas

As reaccións a esta prohibición non tardaron. Desde colectivos de afeccionados do Breogán, como é o caso dos Embreogados, chaman a deixar “baleiro” hoxe contra o equipo israelí a parte do fondo do estadio que estes seareiros celeste  ocupan habitualmente para presenciar os partidos.

A plataforma Lugo con Palestina convoca diversas accións. En primeiro lugar anima a participar na andaina que vai ter lugar as 18:30 horas desde a Facultade de Veterinaria como punto de encontro até o Pazo dos Deportes, onde se disputa o partido. “Canta máis unión de forzas mellor”, sinalan

Igualmente desde Lugo por Palestina, “coa colaboración dalgúns afeccionados do Breogán”, propoñen a aqueles e aquelas que vaian acudir ao partido de baloncesto a que non acceder ao recinto até o inicio do partido, “como sinal de repulsa”.

“Israel asasinou máis crianzas que asistentes hai neste partido: máis de 5.300”, apunta un dos cartaces que se están a distribuír nestas horas apelando a se sumar ás protestas.

Pintadas de “Palestina libre” furgonetas do Breogán e do Ensino

Furgonetas que usan os principais equipos de baloncesto da cidade de Lugo, o Leite Río Breogán (masculino) e o Ensino (feminino), apareceron nas últimas horas con pintadas nas que se pode ler “Palestina libre”.

Reacción da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo emitiu un comunicado no que condenou "calquera restrición do dereito da cidadanía á protesta pacífica". A exhibición de bandeiras de estados recoñecidos por Nacións Unidas, como é caso de Palestina, precisaron, "non incita á violencia nin ao odio". "É o símbolo do dereito a existir dun Estado lexítimo", apuntaron, ao tempo que afirmaron que "nada xustifica o xenocidio que está a sufrir o pobo palestino".

"Mostramos a nosa firme condena aos ataques á poboación civil, que están a provocar milleiros de vítimas na Faixa de Gaza. Reclamamos o cesamento definitivo do fogo e unha saída ao conflito, negociada e baseada no cumprimento das resolucións da ONU", engadiron.