Investigan o director de 'El Correo Gallego' por branquear capital procedente da Xunta de Feixoo

O director de 'El Correo Gallego', Jose Manuel Rey Novoa. (Foto: acapitalmd)
Jose Manuel Rey Novoa obtivo varios préstamos do Goberno galego mentres mantiña débedas con traballadores e Facenda.

A Unidade de Delitos Económicos e Fiscais (UDEF) da Policía Nacional española levaría meses a investigar o director de El Correo Gallego, Jose Manuel Rey Novoa, segundo desvela en exclusiva eldiario.es. O xornal dixital asegura que a xuíza Ana López-Suevos ordenou investigar Rey Novoa pola presunta comisión de varios delitos, entre eles branqueo de capitais.

En concreto, os traballos da UDEF céntranse en discernir se a dirección de El Correo Gallego desviaba diñeiro procedente da Xunta da Galiza cando Alberto Núñez Feixoo era presidente, ao igual que outras institucións en mans do Partido Popular, como a CRTVG, mentres o cadro de persoal do medio de comunicación acumulaba impagamentos das súas nóminas de até 24 mensualidades.

Neste sentido, Rey Novoa enfróntase a senllos presuntos delitos de branqueo de capitais e de administración desleal. Ademais do director de El Correo Gallego, a UDEF ten a ollada posta na súa muller, Fátima Otero, e no que a día de hoxe aínda exerce como xerente do periódico, Ángel Remesar.

Eldiario.es tamén apunta que polo de agora ningún integrante da Xunta está a ser investigado por esta presunta actuación irregular. Especialmente, a maxistrada ordenou escrutar todos os detalles dun préstamo de 2,5 millóns de euros concedido pola entidade pública de investimentos XesGalicia en setembro de 2018, cando El Correo Gallego acumulaba unha débeda cos seus traballadores de 996.752 euros e con Facenda de 1.021.051 euros.

Tal e como apuntaría a investigación, este préstamo, que foi votado a favor por, entre outros, o actual vicepresidente primeiro do Goberno galego, Francisco Conde, que naquel momento era conselleiro de Economía e xestor das axudas que a Xunta entrega ás empresas; e o candidato do PP á Alcaldía de Santiago de Compostela, Borja Verea.

Outras axudas concedidas por institucións en mans do PP

Dous meses despois da concesión deste préstamo, o Instituto Galego para a Promoción Económica (Igape), dependente do Executivo galego, avalou 40% dun préstamo a unha empresa da que Rey Novoa era administrador único. En total, a garantía do Igape cubriu 1,2 millóns de euros para unha compañía empregada, segundo os axentes da UDEF, para que o director de El Correo Gallego accedese a eses cartos sen ter que atender ás débedas.

Segundo eldiario.es, a TVG tamén foi unha fonte de ingresos para o empresario, que recibía dous millóns de euros anuais por realizar programas para a televisión pública do país. Porén, a partir de 2019, con Facenda estudando as súas contas, Rey Novoa aproveitouse de terceiras empresas para seguir exercendo como produtor audiovisual da TVG mentres seguía recibindo esta contía anual.

Os axentes da UDEF tamén detallan como Fátima Otero conseguiu beneficiarse da posición do seu marido para obter préstamos, como un de 300.000 euros que lle concedeu en outubro de 2021 un empresario do sector do aluminio de Padrón. A súa vez, Otero entregou a cada unha das súas irmás 170.000 euros en préstamos sen xuros. Semanas despois, estas mercaron  unha vivenda na Coruña "por 500.000 euros "sen solicitar outro financiamento engadido".

Diferente trato da Xunta aos medios

A investigación da UDEF que desvela esta quinta feira eldiario.es constata novamente o diferente trato que a Xunta da Galiza dá aos medios de comunicación do país, tanto baixo o Goberno de Núñez Feixoo como o de Alfonso Rueda. Neste sentido, o trato de favor que o Executivo galego tivo co director de El Correo Gallego contrasta coa exclusión sistemática de Nós Diario nas axudas á prensa escrita.

A Secretaría Xeral de Medios, encabezada durante anos por Mar Sánchez Sierra, acordou "denegar a axuda económica á empresa Sermos Galiza, S.A., para a publicación Nós Diario, por non tratarse dun xornal impreso e distribuído diariamente", a pesar de que as bases reguladoras "non conteñen definición auténtica ningunha do que aos seus efectos deba entenderse como xornal diario".

O que si recollen estas bases que regulan as axudas é que as publicacións "deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD)".

A OXD, entidade que avalía Nós Diario tanto en papel como en dixital, define como diario "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana". Dado que Nós Diario está nas rúas cinco días á semana —de terza feira a sábado—, si cumpre con este requisito, a pesar do cal a Xunta teima en non concederlle as axudas á prensa escrita.