Sánchez Iquierdo négase a falar dos problemas da CRTVG

As contas da CRTVG non dan para BNG e PSdeG. A presentación do orzamento para 2023 no Parlamento galego por parte do seu director xeral só contou coa aprobación do PPdeG.
O director xeral da CRTVG compareceu onte no Parlamento galego (Foto:Parlamento da Galiza).
photo_camera O director xeral da CRTVG compareceu onte no Parlamento galego (Foto:Parlamento da Galiza).

O director xeral da Corporación da Radio Televisión da Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu onte no Parlamento galego para presentar as contas previstas no ente de cara o ano 2023. Segundo os datos que achegou, o orzamento total será de 126,7 millóns de euros, un 4,2% máis que o ano anterior. A maior parte do mesmo pertence ao gasto en persoal (56,1 millóns de euros) seguido das compras externas (37 millóns de euros).

Entre os gastos externos da programación salientou os 1,8 millóns de euros que custa o espazo Luar da TVG. En relación aos ingresos, indicou que a Xunta da Galiza achegará 119 millóns de euros a este presuposto e 6,9 procedería da publicidade. 

Sánchez Izquierdo asegurou que estes orzamentos “son as mellores dun organismo público de España” e rexeitou responder as preguntas da oposición “fóra destas contas”.   

Criticas da oposición

Na quenda de intervencións, a deputada do BNG, María González, sinalou que estes orzamentos “non devolven á CRTVG o seu carácter de servizo público, cuns obxectivos que non atenden aos principais problemas de credibilidade e de xestión”.  Ademais, criticou que “afondan na falta de pluralismo e de información de proximidade, eliminan a produción propia, vulneran os dereitos laborais e carecen de perspectiva de xénero”.

Para o Bloque, as contas presentadas “continúan coa dinámica da externalización e ofertan o mesmo que o ano pasado pero cinco millóns máis caro”.  

Por parte do PSdeG, a deputada Noa Díaz afirmou estar “sorprendida” pola incongruencia de que a CRTVG “teña audiencia mais non publicidade” polo que “o 94% do orzamento ten que saír dos petos das galegas e os galegos”.

Para a deputada socialista, estas contas “son un corta e pega” doutros anos e denunciou que “se consiste en emitir programas da Radio Galega na TVG e destes na radio, case mellor será que apaguemos”. Alén diso, botou en falta información da segunda canle da TVG polo que se preguntou “se non estarán pensando en fechala”. 

O único apoio para Sánchez Izquierdo na comisión chegou da man do PPdeG. A deputada Raquel Arias non aforrou en eloxios para o traballo do director xeral da CRTVG e desmereceu as críticas de nacionalistas e socialistas. 

Plataforma dixital

Un dos puntos que centrou a intervención da oposición foi o anuncio por parte de Sánchez Izquierdo do inicio en 2023 da plataforma OTT a consolidación dos proxectos dixitais. BNG e PSdeG lembráronlle ao responsábel do ente público que realizara este mesmo anuncio para 2019 "moito antes de que chegara a pandemia" sen que se levara a cabo.  

Alén diso, nas súas respectivas quendas na comisión tamén lembraron a "mala imaxe" que está a dar a xestión da CRTVG  como para que estea convocada para este domingo en Compostela unha manifestación por parte de máis de para 40 colectivos demandando que  a corporación estea “ao servizo do pobo”. 

Comentarios