Tecer rede contra a investigación precaria: nace InvestiGal

Asistentes ao acto que deu orixe a InvestiGal no centro sociocultural O Ensanche (Compostela).
Máis de 50 persoas do sector do I+D+i galego déronse cita en Compostela para pór en común inquedanzas e tratar de artellar unha resposta colectiva.

O día de onte, 29 de febreiro, viu nacer a InvestiGal, Rede Galega pola Investigación. A forxa dun espazo unitario que recolla as demandas dos diferentes colectivos de investigadoras galegas leva meses artellándose a través do diálogos e toma de contacto en diferentes puntos do país. A iniciativa aglutinadora estivo impulsada nun primeiro momento pola Asemblea de Investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, un dos colectivos que, desde a súa creación en 2017, conseguiu manterse máis mobilizado e concentrar cada vez máis socias, con protestas tan estendidas no tempo como as terzas feiras en negro.

Así, o proceso culminou na fundación que tivo lugar no centro sociocultural O Ensanche (Compostela), onde medio centenar de persoas vencelladas ao sector investigador de toda a xeografía galega se deron cita para partillar inquedanzas sobre a precaria e inestábel situación actual do I+D+i na Galiza.

Investigal pretende artellar "un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador"

Contra isto, Investigal pretende artellar "un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador". Con este fin, a rede ten vontade de "aglutinar a pluralidade de perfís" que se acollen baixo a etiqueta da investigación que, para alén do persoal propiamente investigador, abarca técnicas, xestoras, docentes... Igualmente, a Rede non se limita ás universidades, senón que inclúe centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións...

Após unha longa xornada de traballo e debate, afirman que conseguiron estabelecer "unha serie de liñas programáticas básicas". Entre elas, destacan a dignificación da propia carreira investigadora, que pasa polo recoñecemento do traballo desenvolvido polas profesionais, o fomento da estabilidade e continuidade laboral, así como a garantía da igualdade de condicións e dereitos laborais. Igualmente, foi unánime o acordo na defensa da igualdade de xénero e na execución de "medidas concretas que rachen co teito de cristal e os diferentes obstáculos que enfrontan as mulleres do sector".

Mala xestión de fondos escasos

Actualmente, "Galiza só inviste en investigación o 0,94% do seu PIB, mentres que a media europea rolda o 3%", afirman desde a Rede. Ademais, condenan a nefasta xestión dos poucos recursos existentes, froito dunha ausencia de vontade política, o que nos últimos anos provocou que só se gastasen "un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación".

Nos últimos anos só se gastaron "un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación"

InvestiGal urxe o goberno a entender a investigación como un motor de enriquecemento do país. Para iso, o colectivo reclama "máis investimento" e unha "mellor xestión" do existente, para alén de "regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación" como principais demandas.