O Instituto de Estudos Ulloáns pide á Deputación de Lugo que compre o terreo onde quere instalarse Altri

Acto de Adega sobre o impacto da factoría de Altri en Palas de Reis (Foto: Nós Diario).

Sostén que se trata dun enclave "de especial interese" que atesoura "grandes valores naturais e paisaxísticos". Nesta liña, detalla que a existencia de hábitats naturais e agrarios, e sobre todo a presenza de especies endémicas, "convértena nun espazo relevante para a conservación da biodiversidade galega e europea".

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) -asociación cultural con ámbito de actuación na comarca da Ulloa-pediu á Deputación de Lugo que compre o predio de Quintas, en Palas de Rei (A Ulloa), onde Altri quere situar a fábrica de celulosa e de fibras téxtiles, e súmase así ás voces que rexeitan a instalación desta factoría na Ulloa.

Nun escrito dirixido ao presidente da institución provincial, José Tomé, xustifica a súa solicitude "para conservar a súa riqueza natural e biodiversidade", coa posibilidade de crear nela centros de estudos ambientais, de promoción ao agroturismo e de acollida a peregrinos do Camiño de Santiago.

Entre os motivos que expón o Instituto, sinala que o proxecto de instalación "dunha macrofábrica de pasta de celulosa" o predio de Quintas "ameaza con destruír un dos espazos naturais máis destacados da Galiza interior".

Así, sostén que se trata dun enclave "de especial interese" que atesoura "grandes valores naturais e paisaxísticos". Nesta liña, detalla que a existencia de hábitats naturais e agrarios, e sobre todo a presenza de especies endémicas, "convértena nun espazo relevante para a conservación da biodiversidade galega e europea".

Destaca tamén que este terreo acolle poboacións de catro especies vexetais, asociadas aos afloramentos de serpentinitas, "que non se atopan en ningún outro lugar do mundo": 'Armeria merinoi', 'Leucanthemun gallaecium', 'Santolina melidensis', 'Centaurea gallaecica', "as tres primeiras catalogadas en perigo de extinción".

Do mesmo modo, subliña a súa "relevancia ornitolóxica" pola presenza regular de dúas especies de aves incluídas no catálogo galego de especies ameazadas e explica que son habituais 18 especies de aves para as cales é necesario a declaración de Zona de Especial Protección.

Tal e como sinala o colectivo, o terreo de Quintas ten 123 hectáreas no Concello de Palas de Rei, "a maior parte delas ocupadas por hábitats de interese comunitario (HIC), pero carece de protección ambiental". As outras 66 hectáreas atópanse no Concello de Santiso (Terra de Melide) e están incluídas no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Por todo iso, considera que debería recuperar o seu uso agropecuario extensivo e ecolóxico, que a podería facer receptora de axudas agroambientais da Unión Europea, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade e a favorecer a soberanía alimentaria, así como a promocionar proxectos de agroturismo.

"Pola súa gran extensión e diversidade de hábitats, e pola súa localización estratéxica no centro da Galiza, poderíanse crear nela instalacións para investigación no ámbito botánico e zoolóxico, en colaboración coas universidades galegas, e para impartir cursos de ciencias ambientais. Por outra parte, a súa proximidade ao Camiño Francés permitirá a creación de espazos de encontro e de acollemento aos peregrinos", expón no escrito dirixido á Deputación.