Inícianse os traballos de conservación do rego de Palos, na Fonsagrada

Localización do Rego de Palos (Foto: Google Maps).
Estes traballos teñen un orzamento estimado de 8.000 euros e realízanse a través da empresa Tragsa.

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico iniciou esta sexta feira os traballos de mantemento e conservación no leito do rego de Palos nas inmediacións da Veiga dos Binteiros no municipio da Fonsagrada (comarca da Fonsagrada).

Segundo trasladou o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, esta actuación execútase nun tramo duns 550 metros de leito co propósito de retirar árbores caídas ou en risco de caída e adecuar a vexetación de ribeira.

Deste modo, o obxectivo destes labores de mantemento é evitar a formación de tapóns e manter a capacidade de desaugadoiro do leito.

Así, estes traballos teñen un orzamento estimado de 8.000 euros e realízanse a través da empresa Tragsa, dentro do Programa de mantemento e conservación de leitos que desenvolve a Confederación Hidrográfica do Cantábrico fóra das zonas urbanas.

A situación dos encoros

Os encoros galegos perderon na última semana 65 hectómetros cúbicos de auga, e sitúanse en 75,9 % da súa capacidade, segundo os datos da reserva hídrica feitos públicos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Así, os encoros da conca Miño-Sil teñen nestes momentos 2.288 hectómetros cúbicos de auga, 36 hectómetros menos que hai unha semana; mentres que os encoros da conca Galiza Costa, teñen 531 hectómetros cúbicos, 29 menos que a semana pasada.

Comparados cos datos do ano pasado, as reservas son superiores. Segundo o informe do Ministerio, na mesma semana de 2022, as reservas dos encoros da conca Miño-Sil ascendían a 1.545 hectómetros cúbicos; mentres que as de Galiza Costa eran de 425 hectómetros cúbicos.