Opinión

Manuel María e A Fonsagrada

Para min é unha honra escribir e falar sempre de Manuel María, pois tiven o honor de gozar da súa amizade e da súa inmensa categoría humana. Ninguén deu máis por Galiza dun xeito xeneroso, integral, solidario, humanista, desinteresado e coherente. Só hai dous persoeiros comparables, Rosalía de Castro na segunda metade do século XIX, e Castelao, na primeira metade do século XX. Se alguén olla a súa prolífica, poliédrica, extraordinaria e comprometida obra e a súa xeira existencial a prol de Galiza, non será capaz de discutirme esta afirmación.

Manuel María, que sempre partía das raigañas galegas para abranguer a universalidade, dedicou libros de versos a localidades e bisbarras galegas polas que sentía unha especial devoción ou algunha clase de predilección: Quiroga, Foz, Betanzos, Orcellón, Pantón, Sober, Valdeorras, Monforte, Santiago de Compostela e, por suposto, Outeiro de Rei. Tamén pronunciou pregóns en numerosas lugares de Galiza e nacións foráneas. Eu acompañeino nalgunhas ocasións a varios pobos de Euskal Herria, a Portugal (Coimbra, Guimaraes, Braga...) e en Galiza a San Clodio de Ribeiro de Avia, Cela, Quiroga, San Clodio de Ribas do Sil, Lugo, Terras do Ulla, Guitiriz, Foz, A Coruña, Lugo, Outeiro de Rei, Celanova, Ourense, Allariz, Courel, Taramundi, As Pontes, etc.

A Fonsagrada, terra xabreira e montesía, pero con xente hospitalaria, amable, xenerosa, traballadora, cordial e agasalleira, tampouco ficou erma da palabra e da escrita amorosa de Manuel María. Con data do 29 de xaneiro de 1990 recibín unha carta de Manuel María no meu domicilio de Hernani, remitida dende Monforte de Lemos, na que dicía:

"Querido Pepe:

Como sei que lle tés querencia ás terras de A Fonsagrada envíoche eses versos que me encargaron por se che interesa.

Os da Quenlla teñen recollido moito material de Florencio da Fontaneira. Heilles enviar ese versos por se os queren musicar".

Efectivamente, na mesma carta mandábame dous poemas titulados: Homenaxe a Florencio da Fontaneira, por Manuel María, Monforte de Lemos, xaneiro de 1990, e Coplas da Festa do Botelo da Fonsagrada. Nos dous poemas pódese observar perfectamente o agarimo de Manuel María por esta fermosa bisbarra de luxurioso verdor, tan castigada pola emigración, sangría que o poeta denunciou con afouteza e teimosía.

A Florencio da Fontaneira, ou o Cego dos Vilares (Pin, 1914-Fontaneira,1986) tiven a honra de coñecelo, durante o bienio 1967-69, en que residín en Cuíñas. Gocei da inmensa sorte de escoitar a súa música de violín, leda as máis das veces, tristeira outras, pero sempre interpretada coa corda máis cordial do seu corazón dun xeito totalmente solidario e fraternal. Alegraba as tardes e noites de polavilas e xuntanzas, despois da dura trasfega dos rexos labregos da montaña. Ademais, era un excelente contador de historias, contos e anécdotas.

O botelo, por outra banda, é prato tribal da bisbarra, manxar rexo, que enaltece o animal totémico galego, o porco, devecido polo pobre Vidal nun poema rosaliano.

De todo o mundo é ben sabido que a Manuel María gustáballe, como galego normalizado, a carne de porco e, por suposto, o manxar tribal fonsagradino, o botelo, hoxe xa convertido en prato nacional galego, con incursión en terras irredentas asturianas e leonesas.

No verao de 1995 Manuel María e máis un servidor viaxamos a Taramundi para mercar coitelos e navallas. Algunha delas obra en poder da súa numerosa colección, gardada na Casa Museo de Outeiro de Rei, fogar que calquera galego merecente e orgulloso de selo ten a obriga de visitar. Fomos agasallar aos amigos e amigas de Cuíñas, onde atopamos a un veciña de Outeiro de Rei, Josefa Ruiz, casada con Manolo de Colás, xa finado.

Despois dun xantar "competente" no Cantábrico, regresamos a Monforte lembrando con agarimo polo camiño os diferentes trazos do país fonsagradino. Manuel María poñía na conversa, coma sempre, agarimo, cordialidade, comprensión, sabedoría, palabra axeitada, xusteza nas descricións e apreciacións e, sobre todo, "ferrados de corazón e fanegas de alma".

Comentarios