Máis de 100.000 vivendas ficarían dentro das poligonais eólicas, segundo un estudo

O repotenciamento do parque eólico de Corme botou as últimas habitantes de Candelago (Foto: Nós Diario).
A plataforma veciñal Monfero di Non presenta o informe "Macroeólicos Galiza", que analiza o impacto dos parques xa construídos e máis os que se atopan en tramitación sobre o patrimonio cultural, ambiental, agropecuario, demográfico e turístico.

A Asociación Rural Contemporánea e a plataforma veciñal Monfero di Non, coa colaboración dos colectivos Afectados de Paderne, Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, Asociación A-Legre, Ortegal di Non —entre outros— veñen de facer público esta segunda feira o informe "Macroeólicos Galiza".

O obxectivo deste estudo, froito de meses de traballo das veciñas e veciños de diferentes territorios do país afectados polo inzamento de parques eólicos, é calcular o impacto destes complexos e máis as súas infraestruturas "sobre o patrimonio cultural, ambiental, agropecuario, demográfico e turístico". Para iso téñense en conta os parques eólicos xa construídos e máis os proxectados na Galiza até xaneiro de 2022.

De saíren adiante todos os proxectos que actualmente tramitan a Xunta e o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), na Galiza habería un total de 8.237 muíños —o dobre que os operativos na actualidade, 4.026—.

En consecuencia, segundo este informe, até 106.878 vivendas quedarían dentro da superficie que abranguen as áreas poligonais dos citados parques eólicos; delas, 13.122 ficarían a menos de 500 metros dunha turbina, malia que a lei estabelece esta distancia mínima de separación.

Cómpre salientar, así mesmo, que "81,4% dos parques construídos e proxectados na Galiza sitúanse en concellos de menos de 5.000 habitantes", algo que supón, a ollos destas plataformas, "unha clara contradición coas políticas contra o despoboamento e do reto demográfico".

Afeccións ao Camiño e 38 elementos BIC

Deste informe despréndese tamén que 12,2% da superficie do Camiño de Santiago —perto de 9.000 hectaréas— quedaría dentro destes polígonos industriais. Aliás, 21,7% das rutas estarían a menos de dous quilómetros (km) dun aeroxerador, "co impacto visual e paisaxístico que isto provocaría", salientan os colectivos asinantes.

As rutas máis afectadas serían o Camiño Inglés, no treito que vai de Ordes a Carral, e o Camiño Francés, de Sarria a Portomarín.

Ademais, 38 elementos catalogados como bens de interese cultural (BIC) quedarían dentro destes polígonos, como é o caso dos mosteiros de Monfero e Caaveiro, o castro de Borneiro, o Castelo de Moeche, o Castelo de Naraío, ou o dolmen de Pedra Mouro. E outros 169 elementos BIC ficarían a menos de dous km dos parques eólicos, como o Castelo de San Filipe.

8,7% da Rede Natura, dentro dos polígonos eólicos

No que atinxe ao impacto sobre o medio ambiente, o informe sinala que 8,7% dos espazos que abrangue actualmente a Rede Natura 2000 ficaría dentro dos polígonos eólicos, con até 2.522 aeroxeradores, ao tempo que 29,6% deste territorio estaría a unha distancia inferior a dous km.

Tamén 25,6% da superficie das reservas da biosfera do país veríanse inmersas nas áreas poligonais destes parques eólicos.