A incidencia de tuberculose reduciuse 82% en 58 anos

Un laboratorio traballando con medicamentos vinculados á tuberculose. (Foto: Nós Diario)
No Día da Tuberculose advirten que o tabaquismo é factor de risco

353 galegos e galegas padeceron tuberculose en 2021, o equivalente a 13 casos por cada 100.000 habitantes. En menos de 60 anos, os casos relacionados coa tuberculose descenderon 82%, rexistrando en 1996 un total de 1.963 persoas con esta patoloxía. Así o recollen os datos ofrecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública hoxe.

Para conmemorar o Día Internacional da Tuberculose, que decorre hoxe, a Organización Mundial da Saúde (OMS) anunciou que prevé reducir en 80% a incidencia desta enfermidade para 2030 con respecto a 2015, para, desta forma, acabar coa doenza en 2050.

No referido á Galiza, a Consellaría de Sanidade asegurou que o programa galego cumpriu “amplamente” cos obxectivos estabelecidos, xa que se conseguiu rebaixar a incidencia da tuberculose en 39,4%, cando a meta fixada buscaba unha redución de 25%, na comparativa entre os datos do ano 2015 e os de 2020.

A tuberculose é unha doenza infecciosa do peito provocada pola bacteria Mycobacterium tuberculosis que afecta principalmente os pulmóns. Esta patoloxía é unha das máis antigas da historia da humanidade que leva afectando o ser humano desde hai miles de anos. As bacterias da tuberculose atacan, polo xeral, os alvéolos pulmonares, pero tamén poden espallarse a outras partes do corpo a través da circulación sanguínea danado os riles, a columna vertebral ou incluso o cerebro.

Con todo, na maioría dos casos, o sistema inmunolóxico evita a multiplicación da enfermidade. A tuberculose contáxiase a través do aire, é dicir, ao tusir, esbirrar ou falar en contacto próximo e prolongado con outra persoa. As posibilidades de contraer a patoloxía dependen da duración da exposición e do grao de virulencia da persoa infectada.

Segundo informou Sanidade, existen factores de risco que poden condicionar as posibilidades de ser contaxiado. Así, as persoas con maior probabilidade de padecer tuberculose son as de idades máis avanzadas ou aquelas que presentan patoloxías asociadas, principalmente, as que afectan o sistema inmunitario. A saúde e o estilo de vida tamén inflúen, sendo o tabaquismo un compoñente perigoso, presente en 23,5% dos casos.

Así, os datos do estudo de Sanidade revelan que, en 2021, perto de 60% dos casos de tuberculose presentáronse en homes, e a incidencia máis alta foi rexistrada en persoas maiores de 74 anos. Así mesmo, 3,1% foron crianzas menores de 15 anos, o que supón a menor porcentaxe da serie histórica. Con todo, o estudo constata que a curación desta patoloxía é de 96,7% dos casos que iniciaron tratamento en 2020.

Para reducir en maior medida a incidencia desta doenza, Sanidade prevé a creación de sete unidades de tuberculose, a formalización do Laboratorio de Referencia de Microbacterias da Galiza, a incorporación de equipos de traballo social e a creación da Comisión galega para a avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos, entre outras medidas.

A tuberculose no mundo

A OMS sinala que África concentra case unha cuarta parte dos casos de tuberculose no mundo, e un terzo das 1,6 millóns de mortes anuais. Porén, os países africanos acadaron "avances notábeis” na loita contra a doenza, cunha taxa anual de diminución de casos de 4%. Estas melloras sucederon a pesar da falta de fondos internacionais.