Opinión

Milagres

Hoxe apetecíame facer un breve repaso de medicamentos que temos tan normalizados que non reparamos neles, pero que en realidade son pequenos milagres da ciencia. Ningún de nós lembra xa como era o mundo antes de que existisen e menos mal, porque era moitísimo peor.

1. Os antibióticos. Non por obvio é menos necesario dicilo: a principio do século XX a xente morría de infeccións dentais, de febres puerperais, de feridas banais, de pneumonía e de tuberculose. Existía o medo a coller unha catarreira, que a cousa se complicase e non contalo en tres días. Nas novelas de Jane Austen, por exemplo, está moi presente este temor a enfermar de calquera cousa, porque podía ser letal. A base de empregalos mal, estamos conseguindo crear novas superbacterias resistentes aos antibióticos, que esperemos que non nos devolvan de novo a ese momento da historia humana.

2. O ibuprofeno e semellantes: non somos conscientes do eficaces que son os analxésicos comúns e sen receita porque temos acceso constante a eles. As cantidades de dor que tiñan que soportar as persoas no pasado hoxe pareceríannos inhumanas.

3. Os anestésicos. Sen anestesia non hai cirurxía, e iso implica que podías morrer de apendicite, dun parto que se complicase un pouco, dun tumor benigno que hoxe sería operable ou dunha hernia. A ninguén lle gusta pasar por quirófano, pero imaxinade que a única opción fose amputar.

4. Os ansiolíticos. Moitas veces empréganse mal e en exceso, pero ter unha pílula que controla a ansiedade ao instante é algo bastante próximo á maxia. Moitas situacións xa de por si penosas poderían selo moitísimo máis.

5. Os broncodilatadores: ata non hai moito, os nenos morrían de asma e patoloxías respiratorias. Morrían nenos afogados todos os días, e tamén adultos. Ás persoas que padecían asma recomendábaselles que non realizasen esforzos intensos, porque unha crise podía ser fatal e non había xeito de revertela. Cando foi a última vez que vistes a alguén ter unha crise respiratoria? Nunca, verdade?

6. Os antidepresivos modernos. Os trastornos do estado de ánimo son as enfermidades que máis anos de vida saudable restan no mundo na actualidade. Ata os anos 80, os antidepresivos tiñan tantos efectos secundarios que só se empregaban en casos moi graves. Unha vez máis, a cantidade de sufrimento aforrado é inconmensurable.

Comentarios