Feixoo non avala o plan de desescalada do Goberno español e proporá que se faga por áreas sanitarias

O presidente da Xunta criticou o plan de desescalada anunciado por Pedro Sánchez por non fixar criterios sanitarios exactos para medir cando un territorio pode avanzar de fase, por ignorar o rural e por basearse na división provincial, a cal non responde á realidade do país, dixo. Feixoo proporá unha desescalda por áreas sanitarias e, dentro delas, atendendo a grandes zonas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón / Xunta)

O plan para a desescalada do Executivo español ten “algunhas luces e moitas sombras”, dixo o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, 29 de abril, en rolda de prensa. Entre as luces, Feixoo destacou que o Goberno central fixese “por primeira vez un esforzo por clarificar o horizonte” da volta á normalidade. Considerou correcto a división en fases graduais, que a duración de cada unha das etapas sexa de dúas semanas e que se atenda á apertura do comercio con cita previa, entendendo, dixo “que isto se aplica a talleres e concensionarios”, propostas que a Xunta trasladou o pasado domingo a Pedro Sánchez.

“Enterámonos do plan despois de que fose publicado polo Goberno”

As sombras están principalmente para Núñez Feixoo en tres grandes aspectos. O primeiro é que o plan non estivese consensuado coas Comunidades Autónomas. “Enterámonos do plan despois de que fose publicado polo Goberno”, acusou Feixoo. “As Comunidades seguimos a ter un papel testemuñal e continuamos sen saber cal é o noso papel neste plan”, dixo.

“O plan non foi consenuado coas comunidades e Galiza non o pode avalar porque hai varias lagoas de eficacia”, sentenciou o presidente galego. “É confuso e discrecional, pero espero que as poidamos despexar”, engadiu.

Non se concretan os cortes

O presidente da Xunta lamentou que o plan non sinale cales son os criterios sanitarios concretos que cada territorio debe cumprir para poder pasar de fase e para que o cambio, mantemento ou regresión de etapa “non dependa do criterio do Ministerio de Sanidade”, dixo Feixoo.

Feixoo proporá desescalar por áreas sanitarias e zooms

Considerou ademais un erro que o plan se basee na división administrativa provincial para desescalar e sinalou que 10% da poboación galega reside en municipios lindantes. “A clave non é unha delimitación administrativa de 1833”, dixo, e sinalou que non ten ningún sentido impedir movementos entre provinciais até finais de xuño se distintos concellos de diversas provincias galegas teñen a mesma situación epidemiolóxica. Menos sentido tería prohibir pasar dunha provincia a outra se as catro galegas están na mesma fase.

Considerou ademais un erro que o plan se basee na división administrativa provincial para desescalar e sinalou que 10% da poboación galega reside en municipios lindantes

O plan ignora o rural, denunciou Feixoo, “está feito para as cidades”, e sinalou que máis de 140 concellos galegos non teñen ningún contaxiado e que poderían, por tanto, pasar directamente á fase 3, sen ter que esperar.

Preguntado por Nós Diario sobre se proporá a Pedro Sánchez outra forma de artellar a desescalada, Feixoo respondeu afirmativamente sinalando que defendeu e defende que a desescalada pivote tendo como referencia territorial as áreas sanitarias, xa que esta respondería a indicadores sanitarios e non puramente administrativos.

Nós Diario tamén cuestionou ao presidente sobre a idoneidade de desescalar por comarcas na Galiza. Feixoo insistiu en que a súa proposta é que o foco sexan as áreas sanitarias mais que dentro delas tamén haxa que atender varios “zooms” que terían como base as comarcas, e puxo como exemplo a área sanitaria de Ourense, que abrangue toda esa provincia. Dentro dela estarían tres “zooms”, dixo Feixoo: a zona de Valdeorras, a de Monterrei e que rodea a cidade das Burgas.

“Non ten sentido que unha persoa de Padrón poida ir a Ortigueira mais non a Pontecesures”, incidiu Feixoo. “Estas cuestións administrativas non teñen nada que ver co virius, o virus non entende de fronteiras e menos de provincias”, dixo.

Acusou tamén o plan de caer noutras contradicións como o feito de que na fase 1 se poida ir a unha terraza cunha familiar pero non ir á súa casa.

Eleccións

“Nada cambiou en relación aos días pasados, son consciente de que a lexislatura remata en setembro e que as eleccións se teñen que realizar en seguridade. Cando teña algo que dicir, direino”, sentenciou Feixoo preguntado polos medios sobre se o plan de desescalada confirmaría as eleccións galegas no mes de xullo.

Comentarios