Avaliación continua e accións de reforzo, directrices que marcarán este terceiro trimestre no ensino

Aulas nun centro (Nós Diario)

Galiza flexibiliza os criterios de titulación. Pasar de curso, a avaliación continua e as accións de reforzo, serán as directrices que marcarán este terceiro trimestre na maioría das etapas educativas.

A esixencia será maior en bacharelato, onde o número de suspensos si será determinante para obter o título, aínda que se recoñecen excepcións no caso de que o centro o considere oportuno e terase en conta a evolución do alumno e a adquisición de competencias.

Así se desprende das instrucións elaboradas pola Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional e remitidas ás direccións dos centros educativos, a partir das directrices avanzadas polo Ministerio na última conferencia sectorial coas autonomías.