Os incendios tamén causan prexuízos na saúde

Un home camiña na zona afectada polo fogo de Folgoso do Courel (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Ademais dos danos materiais e ambientais, os fogos provocan outros danos na saúde das persoas nas zonas que viviron os incendios. A pneumóloga Cristina Martínez apela á responsabilidade individual no cambio climático para impedir prexuízos perdurábeis no tempo.

A vaga de incendios que desde a quinta feira 14 de xullo deixou unhas 32.000 hectáreas calcinadas ademais dos danos materiais e provocan outros prexuízos perigosos para a saúde.

A pneumóloga e coordinadora da área de Medio Ambiente da Sociedade Estatal de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica, Cristina Martínez, explica a importanci para a saúde persoal de protexerse do fume dos incendios.

Segundo esta especialista, este tipo de fume contén partículas que son moi nocivas para a saúde, fundamentalmente para a respiratoria aínda que, segundo apunta a doutora, algunhas investigacións indican que tamén podería afectar á saúde cardiovascular.

O risco é aínda maior cando se trata de persoas vulnerábeeis, sobre todo aquelas que presentan enfermidades respiratorias crónicas previas. Neses casos, unha exposición prolongada podería mesmo dificultarlles respirar.

Algúns dos síntomas

Nunha fase inicial e para a poboación os síntomas máis habituais sentir proído de ollos, caída de bágoas, esbirros, irritación de gorxa ou a tose irritábel.

Esta especialista fai fincapé en prestar especial atención ás persoas enfermas que necesiten coidados específicos e "acudir ao médico ao menor empeoramento dos síntomas".

A respecto de como a inhalación de fume pode chegar a afectar o noso organismo, a pneumóloga incide nas moitas variábeis que entran en xogo: desde o tempo de exposición e proximidade ao fogo, pasando polas propias características do lugar onde se produza e até o que sexa que estea a arder.

Problemas co paso do tempo

A doutora amosa a súa preocupación pola afectación do aire a longo prazo. Mentres se trate de feitos puntuais, "accidentes", contaminacións "illadas", "non teñen por que producir unha afectación importante o resto do tempo", asegura Martínez.

A cuestión agora é se se cumprirán os prognósticos que vaticinan incendios moito máis voraces e destrutivos, impulsados en gran parte pola acción do cambio climático sobre a terra.

A pneumóloga apela ao deber individual que cada un ten sobre este proceso. Na opinión desta  doutora, pequenas accións poden supor un impacto positivo.

"Hai unha porcentaxe de responsabilidade individual para mellorar isto. Condutas saudábeis como evitar usar tanto o automóbil, coller o transporte público e mesmo aumentar os desprazamentos a pé non só mellorar a calidade do aire, tamén a nosa saúde", argumenta.

Ademais da concienciación, a facultativa alude á prevención

Ademais da concienciación, a facultativa alude á prevención. Respecto deste último aspecto, recomenda o uso de máscaras se é necesario saír á zona contaminada pero, sobre todo, evitar a exposición.

Xa no interior dos fogares lembra non ventilar a casa -contrariamente á tendencia de moitos- e asegurar na medida do posíbel portas e xanelas para que o aire do interior non se contamine.

Con todo, a doutora é partidaria das evacuacións preventivas e a súa utilidade para preservar a saúde.

Prexuízos na saúde mental

Evitar, neste caso, danos na saúde física pode causar prexuízos na saúde mental das persoas desaloxadas.

Os propios medios de emerxencias destinados ás zonas afectadas polos incendios son conscientes da importancia do apoio psicolóxico para aquelas persoas que perderon parte ou todas as súas posesións e para aquelas que, evacuadas pola proximidade das lapas, viven co temor de que lles ocorra o mesmo.