Illa advirte de que a falta de control do virus en Madrid pode levar a medidas "moito máis duras"

Comparecencia de Salvador Illa e Fernando Simón. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
O ministro de Sanidade pediu á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que "se deixe axudar" para frenar o ritmo de contaxios. O representante do Executivo de Pedro Sánchez insta á política a fechar a mobilidade en toda a capital e non só nalgúns barrios.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, insistiu esta tarde en instar á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a que “se deixe axudar” e atenda “as recomendacións” do seu departamento para controlar a pandemia.

Dados os gromos xurdidos nos últimos días, as autoridades sanitarias veñen de recomendar que se restrinxa a mobilidade en toda a cidade e non só nas 45 zonas afectadas até o de agora.

Após manter unha reunión “cordial” pero sen achegamento das partes hoxe mesmo, Illa subliñou que existe “transmisión comunitaria” e que o virus “non está controlado” na comunidade.

O representante do Executivo de Pedro Sánchez falou da necesidade de “actuar con determinación” e con “carácter inmediato” para intentar frear unha onda de contaxios que, polo momento, avanza sen demasiadas dificultades.

“Pedimos á presidente que escoite as recomendacións que facemos, que vexa os datos tal como son”, remarcou.

Quixo pedir que se desligue a actuación ante a pandemia das cores políticas porque “non é unha batalla ideolóxica, é epidemiolóxica”.

Madrid é un caso especial de densidade e mobilidade e, por iso, acordouse un espazo de coordinación reforzada e un plan especial Covid-19”, xustificou na rolda de prensa.

“Non hai que enganarse, veñen semanas moi duras, complicadas, nas que hai que actuar para controlar a pandemia. Se non o facemos teremos que tomar medidas moito máis duras”, advertiu o responsábel da área de Sanidade.