Madrid maquilla as cifras oficiais relativas ao coronavirus

O Goberno de Díaz Ayuso falsea os datos de positivos e de hospitalizados. As cifras contrastan coas declaracións de Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, días atrás. “Unha gran parte dos diagnósticos e defuncións se deben a unha comunidade: Madrid”, sinalou.
EuropaPress_3300043_isabel_diaz_ayuso_conferencia_presidentes
photo_camera A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, no seu despacho no día de onte. (Foto: D. Sinova)

Madrid é un punto quente da pandemia en toda Europa. Segundo os datos achegados esta sexta feira polo Goberno de Isabel Díaz Ayuso, Madrid declara 211,09 positivos en Covid-19 por cada 100.000 habitantes, fronte aos 114,18 por 100.000 habitantes de París. Ao tempo, durante a pasada quinta feira notificou ao Ministerio de Sanidade 1.200 positivos e incorporou á súa serie histórica 2.859 casos, cando o mesmo día Alemaña reportaba 1.311 casos para unha poboación de máis de 83 millóns de habitantes, practicamente o 95% maior que o conxunto da cidadanía madrileña.

Os números de Madrid asustan até o punto de sinalar días atrás Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, que “unha gran parte dos diagnósticos e defuncións se deben a unha comunidade: Madrid”. As declaracións do responsábel do Executivo español na loita contra o coronavirus non achegan ningún elemento novo e veñen confirmar unha tendencia presente desde o inicio da pandemia, á volta do mes marzo. Nun sentido semellante, o presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, apuntou durante a pasada a cuarta feira que “o 80% dos casos de contaxios en Castela-A Mancha chégannos da bomba radioactiva vírica que se plantou en Madrid”.

A cifra de casos positivos e de persoas hospitalizadas en Madrid é superior á sinalada polas autoridades. Segundo un estudo divulgado na xornada de hoxe pola cadea Ser, a capital de España aumentou en tres días o número de contaxios nun 140%, é dicir, notificou menos da metade dos casos reais. Outro tanto acontece, en opinión da canle do Grupo Prisa, co número de hospitalizados, onde declarou o 15% das prazas de UCI ocupadas para un número total de 1.446 camas de coidados intensivos. Porén, a comezos da pandemia, Madrid contaba con 641 das camas UCI, polo que o citado medio de comunicación considera que a ocupación nos hospitais rolda o 30%.

A propia Díaz Ayuso recoñeceu a alta incidencia da pandemia en Madrid. Ao seu entender, é debida a que “non se están gardando as distancias de seguridade, algo moi español e mediterráneo” e vén de anunciar un paquete de medidas que entran en vigor na segunda feira. Así, entre elas destacan a limitación dos espazos en reunións e eventos sociais e unha ampliación das distancias de seguridade.

Comentarios