Cinco falecementos por coronavirus elevan a cifra de vítimas mortais a 736

Unha persoa é trasladada ao hospital Lucus Augusti. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Catro dos pasamentos tiveron lugar ao longo desta tarde en centros hospitalarios coruñeses, mentres que un deles rexistrouse no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Unha das afectadas era usuaria da residencia Ballesol de Oleiros.

As autoridades sanitarias da Galiza comunicaron esta tarde o falecemento de cinco persoas debido ás complicacións causadas na súa saúde polo coronavirus. Esta nova fai que o número de vítimas do virus no país ascenda xa a 736.

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) viviu esta segunda feira unha tarde especialmente mala. Na mesma xornada en que se anunciaba que os contaxios da área sanitaria baixaban do milleiro, tamén houbo que certificar tres mortes por Covid-19.

En concreto, perderon a vida un home de 85 anos, outro de 67 e unha muller de 92 anos que residía no xeriátrico Ballesol, no municipio de Oleiros. Na Coruña houbo un cuarto pasamento, neste caso no hospital privado HM Modelo. A vítima foi outro varón de 78 anos.

Segundo as mesmas fontes, o quinto finado (de 78 anos) permanecía ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Con estes últimos pasamentos, a Consellaría de Sanidade comunicou un total de sete ao longo do día de hoxe. Pola mañá falou dunha vítima de 61 anos que vivía na DomusVi Lugo (Outeiro de Rei) e que perdeu a vida mentres estaba ingresada no Lucus Augusti.

Unha usuaria de 103 anos do centro residencial As Salinas morreu na propia instalación.

Con estos pasamentos, chégase ás 115 vítimas desde que comezou a "nova normalidade". Antes pasaran dous meses sen ningún deceso.