A Conferencia Episcopal négase a investigar os abusos sexuais na Igrexa

Candeas nunha igrexa (Imaxe: Nós Diario)
"A Igrexa católica, como institución, desestimou formar parte da comisión de investigación", manifestou o Defensor do Pobo no Estado, Ángel Gabilondo

A Conferencia Episcopal Española (CEE) desestimou "formar parte da comisión de expertos que asesorará o Defensor do Pobo para realizar a súa investigación sobre os abusos sexuais a menores acaecidos no seo da Igrexa católica española”.

Así o confirmou esta segunda feira o Defensor do Pobo no Estado español, Ángel Gabilondo.

Fíxoo durante a súa comparecencia ante a comisión mixta (Congreso-Senado) de relacións co Defensor do Pobo, onde compareceu a petición propia para dar conta dos avances da investigación de abusos sexuais na Igrexa que lle encomendou o Parlamento.

Gabilondo explicou no Congreso que, tras diferentes conversacións co secretario xeral e portavoz da CEE, Luís Argüello, e co presidente da CEE e cardeal arcebispo de Barcelona, Juan José Omella, "a Igrexa católica, como institución, desestimou formar parte da comisión sinalando que isto non suporía deixar de colaborar sempre dentro da lei".

Gabilondo tamén precisou que se reuniu co presidente da Conferencia Española de Relixiosos (Confer) quen lle manifestou a súa "vontade de colaborar" co que poida solicitarlles o Defensor do Pobo, "en coordinación coa CEE". Gabilondo puntualizou que "queda por definir en que termos concretos se dará esta colaboración".

Máis de 500 denuncias de abusos en dous anos

Nós Diario informaba en marzo de que a Igrexa Católica recibira no conxunto do Estado español até 506 denuncias sobre abusos sexuais nos dous primeiros anos desde que se puxeron en marcha as oficinas para a prevención de abusos a menores.

 En 103 dos casos de abuso, o acusado xa faleceu, aínda que  os casos investíganse aínda que o presunto agresor falecese ou mesmo se o caso prescribiu.