Á Mariña non lle saen as contas

En Burela, que acumula con Foz o maior número de casos da comarca, estanse a realizar probas da Covid-19 desde o coche. (Europa Press)
Con tres positivos máis no día de onte, a Mariña achégase á cita electoral do domingo marcada polas consecuencias do brote que mantén fechados 14 concellos do distrito sanitario  e polas dúbidas de parte da comarca sobre os datos epidemiolóxicos que facilita o Sergas, ao que varios alcaldes acusan de falta de transparencia.

A actualización que o Sergas fai a diario do alcance do foco de coronavirus na comarca da Mariña levantou onte críticas dunha parte dos concellos afectados polas restricións impostas esta semana pola Xunta para controlar o rebrote, pola "maquillaxe" e os "cambios de criterio" á hora de facilitar os datos epidemiolóxicos. Foron, na información trasladada pola mañá aos alcaldes e alcaldesas dos 14 concellos fechados até a vindeira sexta feira, 131 os casos detectados, 10 deles xa curados, o que sitúa o avance en tres casos novos, dous máis que na xornada previa, unhas cifras baixas, se se comparan coa progresión nas xornadas previas. 

Na última semana, o número de persoas afectadas na zona da Mariña vén experimentando unha suba sostida, desde as 35 que se notificaban o pasado día 1 até os 121 casos activos de onte, cun incremento diario dunha ducia de casos nas xornadas do 2 e o 3, que se elevou até os 26 novos casos o sábado 4, aos que se sumaron outros 22 o domingo 5 e outros tantos o pasado día 6, e que se viu freado onte, após a primeira xornada con restricións de mobilidade en Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

"Están a maquillar os datos para transmitir sensación de control", censurou a alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Hermida, tras a xuntanza con responsábeis do Sergas para o seguimento do rebrote, e quen vincula esa falta de transparencia coa cita electoral do domingo. "É imperdoábel non dicir á veciñanza o que hai", criticou a rexedora, quen salienta que o balance do Concello non coincide co da Xunta, que unicamente notifica no municipio un caso positivo.

"Cada día dan os datos dunha maneira, é intolerábel", concorda Fernando Suárez, rexedor de Ribadeo, tamén do BNG, quen considera "unha temeridade" manter os comicios galegos co brote da Mariña activo.  

Tamén desde alcaldías do PSOE pídese o adiamento da xornada electoral até que se dean "todas as garantías". Así o demandou o mandatario de Burela, Alfredo Llano, o concello  que, co de Foz e en menor medida Xove, concentra 90% das persoas infectadas, segundo indica o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Na mesma liña pronunciábase horas antes a rexedora de Viveiro, María Loureiro, que tamén lle afea á Xunta que non especifique o número de persoas confinadas.

Socialistas e nacionalistas reclaman que os datos da evolución sexan trasladados  aos concellos por escrito, mentres que os rexedores populares como o de Xove –José Demetrio Salgueiro–, Cervo –Alfonso Villares– ou O Vicedo –José Jesús Novo– resaltaron onte a evolución "positiva" dos casos nas últimas horas.

Evolución "exponencial"

As cifras da Covid-19 na Mariña  teñen impacto na evolución que experimenta a área sanitaria de Lugo –que inclúe esta comarca e a de Monforte–, que acumula xa máis da metade dos casos activos notificados pola Xunta para Galiza, 151 do total de 256, cun aumento de 99 na última semana. Seis das sete persoas que permanecen a día de hoxe hospitalizadas estano no hospital da Mariña (Burela), catro relacionadas directamente co brote e dous máis cuxa vinculación está, segundo o Sergas, "en fase de investigación". 

Con esta información, a plataforma en defensa da sanidade da Mariña Salvemos o Hospital da Costa advirte dun crecemento "exponencial" e a unha velocidade "demasiado elevada" dos casos con varios focos, polo que empraza a Administración sanitaria a dar explicacións da relación e causas dos positivos en distintas localizacións. "De non ser posíbel teríamos que falar dunha transmisión comunitaria e non dun brote, como nos queren facer crer desde o Sergas", alerta. 

Para o colectivo, a Xunta actuou tarde ao adiar o fechamento da Mariña até esta semana e segue a "improvisar", a falta dun protocolo específico para a situación  que atravesa a comarca, unha actitude que vincula coa xornada electoral do 12-X. "Exiximos aos responsábeis sanitarios que atendan a poboación como merece, pois hai persoas confinadas nas súas casas que son positivas, que comezan a ter síntomas, que teñen medo a un agravamento e que se senten abandonadas", indica a coordinadora da plataforma.

Tras un encontro co comité clínico experto, Feixoo asegurou onte  que "95% dos pacientes están no seu domicilio" e cualificou como "un bo dato" que os 80 PCR realizadas na xornada só destapasen tres positivos, do que tirou unha tendencia "favorábel" na evolución do brote.

Déficit de profesionais sanitarios 

A plataforma pola sanidade da Mariña reclama, "ante un rebrote tan virulento", un reforzo do persoal sanitario, tendo en conta ademais que a poboación "se multiplica por tres" durante os meses de verán. Nese sentido, denuncia que o Sergas non estea a substituír o persoal de atención primaria durante as vacacións tampouco nesta área xeográfica e advirte que Cervo e Xove están sen pediatra por esta situación. Na mesma liña, o colectivo rexeita o "bloqueo informático de camas" no hospital da Mariña, que sinala como un "feche encuberto". Satse calcula que na Galiza reduciranse 400 camas este verán.