A hostalaría valora recorrer as novas restricións

O TSXG tombou o sábado a obriga de presentar un certificado Covid na hostalaría. Na imaxe, un estabelecemento de Compostela (Foto: Arxina).
Nesta terza feira redúcese a capacidade interior dos locais no nivel alto a 30%. O sector lamenta a "falta de diálogo" da Xunta e ve "desproporcionadas" as limitacións anunciadas.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) resolveu finalmente denegar a proposta da Xunta de exixir o certificado Covid —de vacinación, PCR ou alta da enfermidade— para acceder ao interior dos locais hostaleiros e de lecer nocturno. Esta decisión deuse a coñecer o pasado sábado malia a insistencia do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, quen afirmaba que a norma non precisaba dun aval xudicial.

O alto tribunal alegou que esta medida non se axusta aos principios de proporcionalidade e necesidade que rexen as restricións sociosanitarias.

En consecuencia, o Goberno galego activou o seu plan 'B' para o sector, que consiste na redución da capacidade máxima permitida no interior dos estabelecementos do nivel alto a 30% e o fechamento nos do nivel máximo —si poden abrir, en ambos os casos, a 50% nas terrazas—.

Aliás, o lecer nocturno, que nos espazos interiores só pode operar nos municipios dos chanzos medio e medio-baixo, ve reducida a súa capacidade a 30%. Os locais nocturnos poderán seguir traballando nas terrazas nos niveis alto e máximo a 50%.

O Grove era a única localidade que figuraba no chanzo máximo de restricións, mais a Consellaría de Sanidade, tal e como xa adiantara o sábado o rexedor, José Cacabelos, decidiu finalmente baixala ao nivel alto. Así o recolle nesta segunda feira o Diario Oficial da Galiza (DOG), nunha orde que xustifica esta decisión alegando o descenso da incidencia.

Estas novas medidas, incluído o cambio de nivel do Grove, entrarán en vigor na madrugada desta terza feira. Nesta terza feira reúnese de novo o Comité Clínico que asesora a Xunta para avaliar a evolución epidemiolóxica nos concellos de todo o país e estudar a posibilidade de proseguir o proceso de desescalada que Núñez Feixoo datara nesta mesma semana.

"A reacción da Xunta soa a represalia contra o sector"

Lois Lopes, da Plataforma Galega en Defensa da Hostalería, considera que as novas limitacións anunciadas polo Goberno galego "semellan un mal perder [pola resolución do TSXG] e unha represalia contra o sector". "Fíxonos responsábeis de garantir o cumprimento dunha norma que é ilegal, e nós xa o denunciáramos", afirma en declaracións a Nós Diario.

Lopes amósase "sorprendido" polas novas restricións que desde as 00.00 horas desta terza feira afectan un sector "que leva máis de 500 días ao límite", e insiste en que a hostalaría non é un dos principais focos de contaxios: "Cantas máis limitacións nos impoñen, máis opcións hai de que os encontros sociais se realicen en ámbitos privados, e aí si que aumenta o risco porque ninguén controla, como facemos nós, que se cumpra a normativa sanitaria".

Así mesmo, lembra, "a quinta vaga comeza remitir". O sector está a valorar presentar un recurso contra as novas restricións, xa que "noutros países con incidencias máis elevadas a hostalaría traballa a 100% da súa capacidade".

Polo de agora, a Xunta non se puxo en contacto cos hostaleiros: "Non hai diálogo, só un monólogo no que a única opción é asentir. Mais non estamos fechados a estudar novas medidas alternativas para garantir a seguridade, mais dunha forma legal e non chapuceira", engade.

O vicepresidente primeiro do Executivo, Alfonso Rueda, xustificou nesta segunda feira as restricións ante a "necesidade de priorizar a seguridade sanitaria". "O que facemos é adaptarmos á decisión do TSXG e ter unha nova normativa de capacidade [nos locais hostaleiros], mais que ninguén dubide que relaxaremos as restricións en canto sexa posíbel", asegurou.

A exixencia do certificado Covid só se mantén en Balears

Os gobernos da Galiza, Canarias, Andalucía, Cantabria, Melilla e Balears apostaron nas últimas semanas por exixir o certificado Covid na hostalaría. Porén, cadanseu Tribunal Superior de Xustiza, exceptuando o balear —que validou a norma—, foi tombando de forma sucesiva a polémica medida, aludindo especialmente á vulneración do dereito fundamental á intimidade e a confidencialidade da información sobre a saúde das persoas.