Chamamento á unidade da hostalería para reclamar á Xunta "que abra a man" coa capacidade dos locais

(Foto: Arxina).
Esta medianoite entran en vigor as novas limitacións anunciadas pola Xunta para a hostalaría tras non autorizar o TSXG o certificado Covid. As capacidades, máis reducidas, afectarán aos concellos con maior incidencia da Covid, ningún en nivel máximo desde as 00 horas ao rebaixar O Grove a súa incidencia e confirmar a Xunta que pasa a nivel alto.

Segundo avanzou o Goberno galego a pasada sexta feira, esta media noite entrarán en vigor novas limitacións na hostalaría. Unha redución das capacidades no interior que comprometeu de non prosperar a súa petición ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza para autorizar o certificado Covid.

O alto tribunal rexeitou a solicitude da Xunta e deixou sen validez unha medida que estivo en funcionamento durante case un mes mais sen autorización xudicial.

Así, desde esta medianoite, os municipios con maior incidencia da Covid terán que asumir novas restricións. No nivel máximo, a hostalaría deberá fechar o interior á clientela, mentres que no nivel alto a capacidade quedará reducida de 50 a 30%.

O Grove, único municipio no nivel máximo neste momento, pasará a nivel alto a partir desta mesma medianoite "á vista do descenso da súa incidencia", segundo figura na orde que publica o DOG deste 16 de agosto. 

No caso do lecer nocturno, o aforo no interior dos niveis medio e medio-baixo baixaría 50% a 30%.

Estas metidas, terán validez a partir desta terza feria á espera dunha nova reunión do Comité Clínico para valorar a evolución epidemiolóxica e acordar, se fose o caso, un novo mapa de restricións por municipios.

Chamamento á unidade

Pendentes aínda de que o TSXG dea a coñecer os argumentos que xustifican a súa decisión de non lle dar validez ao certificado Covid, o presidente da asociación Lugo Monumental, Luís Latorre, apelou á unidade da hostalaría para reclamar á Xunta que "abra a man" coa capacidade no sector, tras a decisión da Xustiza de tombar o certificado Covid.

Latorre insistiu en que demandará á Xunta que "as terrazas teñan unha cabida de 100%, porque se entende que no exterior sempre que as mesas respecten a distancia regulamentaria non hai ningún tipo de perigo" e pedirá ademais "que se aumenten capacidades no interior".

Sempre culpábel

O presidente da asociación invocou "os datos que din que nin sequera un 4% da poboación se  contaxiou na hostalaría". "Cando hai un botellón e hai contaxios féchase a hostalaría, cando hai  contaxios nunha reunión familiar féchase a hostalaría, cando a hostalaría non é a culpábel de todo isto", clamou.

Ten claro que "hai que adaptarse á realidade" e advirte que "a presión hospitalaria desta quinta onda non ten nada que ver coas anteriores, co que as vacinas están a funcionar".

"Como a situación é diferente hai que adaptarse a esta nova situación; sen minimizar os riscos e sen minimizar os danos entendemos que hai que adaptarse e abrir a man e afacerse a vivir con este virus", subliña.

Un golpe para todos

Tras o fallo do TSXG, Luís Latorre expuxo que "é un golpe para moitos, pero non é unha cuestión de canta xente ou non está de acordo; a legalidade é a que é e se unha cousa non é legal non se pode aprobar".

"Agora hai que unirse para reclamar á Xunta que abra a man cos aforos para que a xente poida traballar con normalidade e cousas de sentido común, porque non se pode diferenciar a un local doutro pola licenza", concluíu Latorre.