A hostalaría valora positivamente o inicio da desescalada "polo bo tempo"

Axentes de policía inspeccionan un local, esta sexta feira, en Compostela (Foto: Arxina).
Os bares, cafetarías e restaurantes abriron de novo cunha forte presenza policial nas rúas.

A hostalaría volveu abrir esta sexta feira en boa parte da Galiza para dar inicio á desescalada anunciada polo Goberno galego. Así, nos concellos catalogados no nivel 2 de restricións os bares e restaurantes poden dar servizo nas terrazas cunha capacidade de 50%, mentres nos de nivel 3 permítese tamén empregar os espazos interiores a 30%.

A xornada estivo marcada polo ceo solleiro que imperou na práctica totalidade do país. "Após tanto tempo na casa, a xente ten gana de airearse e anímase máis a comer fóra porque vén bo tempo, que para nós é moi positivo", expón, en conversa con Nós Diario, o xerente da Casa de Xantar O Dezaseis (Compostela), Avelino Martínez.

As súas previsións para os vindeiros días son "boas" a pesar das circunstancias, mais cun optimismo moderado e expectante polo que poida acontecer. Xosé Santiso, xerente de catro restaurantes coa marca Fogar do Santiso en Compostela, Teo, Allariz e Oleiros, cre que a curto prazo non obterá grandes beneficios: "Notámolo especialmente no local da capital, na rúa do Franco, porque é unha zona moi transitada por turistas internacionais e agora está deserta", relata, coa esperanza de que o verán sexa "tan bo" como o de 2020.

Rexistro de clientes e vixilancia das medidas

Desde esta sexta feira, os locais hostaleiros someteranse a inspeccións todas as semanas para garantir o cumprimento das medidas. A presenza de axentes policiais foi notábel nas rúas das principais cidades do país.

Así mesmo, a partir do vindeiro 5 de marzo, o sector hostaleiro deberá explicitar nun cartel coa capacidade máxima permitida e dispor dun código QR co cal ás e os clientes, de forma opcional, poderán rexistrar a súa presenza a fin de facilitar o rastrexo se houber un gromo da Covid.

"É unha decisión individual, e haberá clientes que non queiran facelo por consideraren que invade a súa privacidade, mais penso que se conseguimos ter controlado 60 ou 70% das persoas xa é unha grande axuda", sostén o xerente do Dezaseis.

Pola súa banda, Xosé Santiso considera que rexistrar o paso das e dos clientes é unha medida "moito mellor" que fechar os perímetros: "Cando fecharon Ourense, notamos unha forte baixada no restaurante de Allariz, porque a meirande parte do ano vivimos do turismo galego. Hai xente que vén xantar todas as semanas desde os concellos da contorna", argumenta.