A hostalaría de Lugo e Pontevedra considera “insuficiente” o aumento da capacidade e protesta polo feche

Manifestación da hostalaría pontevedresa pola morte do sector. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Malia a rebaixa das medidas restritivas nas dúas cidades o empresariado considera que o cambio ten que ser máis grande para que teñan uns maiores ingresos e salven a campaña de Nadal. A limitación das entradas e saídas aos municipios supón “un problema enorme”.

A Xunta comunicou esta sexta feira certa diminución das restricións que pesaban sobre as cidades de Lugo e Pontevedra pola pandemia, mais o sector da hostalaría entende que estas medidas son aínda “insuficientes a todas luces”.

O empresariado opina que esa rebaixa das limitacións de capacidade, ao baixar o nivel de risco que estabelecera a Consellaría de Sanidade por recomendación do comité clínico, non é suficiente para poder facturar unha cantidade que permita aos negocios manterse.

O presidente dos hostaleiros de Lugo, Cheché Leal, advirte de que bares, restaurantes e cafetarías van a traballar igual “a un ritmo e cunha porcentaxe pequena”.

O seu homólogo en Pontevedra, César Ballesteros, recoñece: “Estamos un pouco desesperados”. Na súa opinión, as modificacións nas capacidades “só son aptas para algúns estabelecementos, non para a maioría”.

Por exemplo, un cambio nas terrazas non implica moita diferenza porque non todos os locais teñen a posibilidade de sacar mobiliario á rúa en pleno inverno e con mal tempo. De feito, o grupo de empresarias e empresarios que partía esta semana cara o Congreso para pedir o rescate continúa coa súa andaina.

Aliás, a tensión é maior ao falar do lecer nocturno, pois o toque de queda segue igual e non permite que esas empresas abran as portas.

Quer en Lugo, quer en Pontevedra, tamén se insiste na problemática que supón que os feches perimetrais continúen activos (tamén no están noutras comarcas preto das grandes cidades). Isto é “un problema enorme” porque non hai fluxo de clientela potencial doutros municipios.

“Estamos sometidos a un cinto de castidade co que non podemos recibir clientes aínda que a actividade non estea limitada”, resume Leal.