A historia do deficiente transporte público galego

Galiza segue sen contar cun tren de proximidade que conecte as cidades e vilas do interior. (Foto: Nós Diario).
A falta dun tren de proximidade, deixa o interior galego incomunicado, mentres chegar a Madrid é agora máis fácil do que nunca.

22 de decembro de 1995, o Parlamento da Galiza aprobaba por unanimidade o Plan de Modernización do Ferrocarril Galego. Pouco menos dun ano despois, o 17 de setembro de 1996, ese plan chegaba a Madrid, ao Congreso, en forma dunha Proposición Non de Lei que, finalmente, non saíu adiante polo voto en contra do Partido Popular e coa abstención do PSOE. 

Con José María Aznar como presidente do Executivo español, presentouse o Plan de Infraestruturas 2000-2007, no cal Galiza non aparecía nas planificacións da alta velocidade estatal. Con todo, após negociacións, en 2001 comezou a construción da liña de alta velocidade no país; tiveron que pasar 20 anos  e sete titulares do Ministerio de Fomento até que en decembro de 2021 se realizara a primeira viaxe oficial de alta velocidade desde Madrid á estación da Gudiña-Porta da Galiza.

A liña que agora conecta a meseta coa Galiza, en palabras do ex ministro José Blanco hai máis dunha década, sería unha realidade "en 2015". A súa sucesora no cargo, Ana Pastor, atrasou a chegada da alta velocidade outros tres anos, até 2018, e o seu substituto, Íñigo de la Serna, fixou 2020 como data.

Un interior incomunicado

De todos os modos, a chegada da alta velocidade que conecta  agora algunhas localidades da Galiza con Madrid non supón unha mellora nas comunicacións ferroviarias dentro do país, segundo denuncian asociacións como SOS Ourense , que critica que "se vaia chegar a Madrid con facilidade pero haxa que seguir agardando as conexións para chegar a Valdeorras, Lugo, O Carballiño ou Vigo".

A Galiza segue sen contar na actualidade cun tren de proximidade que conecte as cidades e vilas do interior entre si dun modo efectivo. A isto súmaselle a supresión de horarios e frecuencias das liñas que si existen, como se evidenciou coa eliminación da liña de ferrocarril que conectaba a estación de San Clodio-Quiroga (concello de Ribas de Sil) coas cidades de Compostela e A Coruña. Esta supresión provocou unha protesta na propia estación de San Clodio-Quiroga o pasado mes de marzo, xa que sen esta conexión, o estudantado universitario da zona fica sen alternativas para se desprazar ás localidades en que estudan. "Os estudantes da comarca de Quiroga perden así un dos poucos enlaces que os leva ás cidades onde estudan e os achega ás súas casas", denunciaba Rosa Ana Prieto, organizadora da protesta.

As conexións en autobús

As liñas de autobús, en moitas ocasións, non serven como alternativa para trasladarse polo interior galego. Así o denuncian desde a Federación de Anpas de Lugo (Fapacel), que instaron a Xunta a manter un encontro para "resolver o problema do transporte no medio rural". 

Para alén do transporte público en xeral, o transporte escolar en zonas rurais do interior tamén presenta diversas eivas, segundo denuncian desde Fapacel. "Os problemas estruturais do transporte escolar ou público que pode utilizar o alumnado de secundaria e FP do rural, afectan todo o interior do país". Ademais, incide en en que "a situación ideal sería que para o estudantado do interior houbese un transporte gratuíto pero nin sequera temos a posibilidade dese transporte público aínda que se teña que pagar". Non hai unha infraestrutura de transportes que se adapte aos horarios do alumnado, lamentan.