O Parlamento insta o Estado a planificar a adaptación da largura da vía ao AVE entre Compostela e Ourense

O BNG, se ben votou a favor desta proposta do PPdeG, criticou que a formación conservadora busque "beneficiar os operadores privados", mentres o PSdeG, que se abstivo, demandou "prudencia" cos prazos.
Inauguración da liña do AVE Madrid-Ourense esta mesma semana. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Inauguración da liña do AVE Madrid-Ourense en decembro de 2021 (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O Parlamento da Galiza reclamou esta quinta feira ao Goberno estatal que "concrete" a planificación que ten prevista para adaptar a largura da vía entre Ourense e Compostela á largura internacional, co cal os trens do AVE poderían circular a 300 quilómetros por hora neste treito. Esta proposta do PPdeG, que saíu adiante cos votos a favor do BNG e a abstención do PSdeG, chama a atención sobre "os beneficios" que esta medida "suporía en canto a maior competencia de operadores e para o conxunto da Galiza".

A respecto desta cuestión, o deputado Diego Calvo (PP) mostrou a "preocupación" pola chegada da AVE ás cidades galegas logo de que só se inaugurase até Ourense, co "menoscabo" da non posta en marcha no país dos trens Avril, que poden circular por diferentes larguras de vía a velocidades de 300 quilómetros por hora. Por iso, aposta na modificación do largo de vía ao internacional entre Ourense e a capital, o que "posibilita" que compañías ferroviarias privadas operen a liña, xa que "non precisaría dos trens Avril que a día de hoxe só ten Renfe".

Aliás, defendeu que a Xunta "fixo os seus deberes" cun informe para "buscar solucións nun ánimo colaborativo", á vez que solicitou convocatoria ao Ministerio de Transportes para unha primeira reunión técnica. A mudanza da largura de vía para a alta velocidade, apuntou, "conta co aval de expertos ferroviarios", e sería unha acción "sinxela" desde o punto de vista técnico porque se instalaron travesas polivalentes para facilitala, mentres hai experiencias previas como a liña entre Castellón e Vinaròs.

Paralelamente, Calvo queixouse de que Renfe "decidiu non repor todas as frecuencias que tiña antes da pandemia", a pesar de que se pediu "por activa e por pasiva".

"Só busca beneficiar" empresas privadas

O BNG presentou unha emenda de substitución —rexeitada polos populares, a pesar do cal o Bloque votou a favor— a esta proposta para que se elabore un estudo para unha planificación "global" de actuacións para a rede ferroviaria. Alexandra Fernández pediu "non repetir erros do pasado e investir de forma eficiente", xa que a proposta do PP "só busca beneficiar" os operadores privados que queren explotar a liña.

Ademais, a deputada nacionalista lamentou que a argumentación da bancada popular se basee nun informe "opaco" da Xunta que "só se filtrou a un medio de comunicación", pero que "non coñece o Parlamento". De feito, a deputada nacionalista cualificou de "falaz" que a non posta en marcha da largura internacional "coartaría" a competencia, posto que as empresas privadas "teñen exactamente a mesma capacidade" para poder operar a liña, mais "están a presionar ao Goberno para non ter que facer ese investimento". "A urxencia que lle entrou á Xunta en realidade é unha urxencia desas empresas", afirmou Fernández.

Aliás, deixou claro que "para as persos usuarias vai ser exactamente igual circular en AVE que en largura variábel", xa que "non vai servir para mellorar as prestacións". Por tal motivo, preguntouse "se é unha prioridade para a cidadanía galega este investimento", e apelou a que ese diñeiro se invista na conexión entre A Coruña e Ferrol, a saída sur de Vigo ou en baixar os prezos "abusivos" entre Compostela e Ourense.

Pola súa parte, a deputada socialista Patricia Otero dixo "non entender a urxencia desta iniciativa", xa que recentemente a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, mostrou nunha reunión con Alberto Nuñez Feixoo, o seu "compromiso" de "analizar a especificidade galega". Otero lembrou que "son os técnicos os que deben decidir" se se aposta ou non por esa solución, e asegurou que o PSdeG non se opón a esta proposta, mais deberá ser a comisión técnica entre Goberno estatal e Xunta a que decida.

Polo demais, a deputada socialista considerou que "agora lle entran as présas á Xunta por tentar sacar tallada desta situación". Sobre os trens Avril, confiou en que  "estean canto antes no país", mais con criterios de "prudencia". Na súa réplica, Diego Calvo explicou que esta proposición non de lei foi tramitada de forma ordinaria, "non urxente", mentres resaltou que se busca "que se poñan os técnicos a funcionar canto antes".

Comentarios