Henrique López Veiga, o ex conselleiro da Xunta que ri ao falar sobre o 'Prestige'

O ex conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga. (Foto: Europa Press)
O titular de Pesca durante o último Goberno de Manuel Fraga foi un dos principais responsábeis de xestionar a vertedura de fuel.

O ex conselleiro de Pesca da Xunta entre os anos 2001 e 2005, Henrique López Veiga, participou este domingo na primeira parte do especial que o programa de La Sexta 'Salvados' gravou con motivo do 20 aniversario do afundimento do petroleiro Prestige.

O titular de Pesca durante o Goberno de Manuel Fraga foi un dos principais dirixentes políticos sinalados polo movemento social Nunca Máis como un dos responsábeis do desastre ecolóxico e económico que supuxo o Prestige para a Galiza. Un desastre que, vinte anos despois, segue a deixar presentes os seus efectos na costa do país, segundo lamentaron este sábado varios colectivos e organizacións ecoloxistas.

Durante o episodio, López Veiga explicou a xestión da Xunta desde o momento no que o barco comezou a afundir até a chegada da marea negra ás costas galegas. Moitos espectadores e espectadoras criticaron nas redes sociais tanto as declaracións do ex conselleiro como a súa actitude en varios tramos dos programa, nos que chegou a rir mentres xustificaba as súas actuacións no transcurso do desastre medioambiental.

López Veiga foi un dos dirixentes políticos que tomou a decisión de afastar o barco da costa galega, contradicindo o criterio dos expertos e do propio capitán do petroleiro, Apostolos Mangouras. “O primeiro que tes que facer é que un barco cheo de petróleo non arremeta contra a costa”, escusou o ex conselleiro durante o derradeiro Goberno de Fraga.

Durante os días antes que o barco partise pola metade, López Veiga e o resto de integrantes do comité conformado para xestionar a catástrofe intentaron levar o Prestige ás augas de Francia e Portugal, sen que as autoridades de ningún destes países permitise que isto chegase a producirse.

Repartir “un pouco de chapapote para todos”

Sobre esta decisión, o ex dirixente popular afirmou, ao igual que xa fixera no seu momento, que era mellor “un pouco de chapapote para todos” que “todo o chapapote para os galegos”. Isto tivo como consecuencia que o Prestige afundise a 250 quilómetros da costa galega, provocando que a marea negra se estendese polo norte de Portugal, toda a costa galega e boa parte do Mar Cantábrico.

López Veiga tamén foi un dos representantes políticos da Xunta e do Goberno español que, días despois de que o petroleiro partise pola metade, aseguraron que a marea negra non chegaría a Galiza, ou faríao de maneira residual. Estas declaracións do ex conselleiro de Pesca foron retransmitidas nos medios ao tempo que mariñeiros da Costa da Morte, a zona máis afectada pola vertedura, denunciaban que as primeiras manchas de fuel estaban a cubrir os caladoiros próximos á costa.

Preguntado sobre isto no programa deste domingo, o dirixente contestou cun sucinto “Trabuqueime”. Aliás, López Veiga tamén riu cando lle mostraron as declaracións do ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi -que naquel momento ocupaba o cargo de portavoz do Executivo de José María Aznar-, nas que definiu a vertedura como “pequenos fíos de plastilina”.