Greenpeace presentou hoxe o informe Coren contra Manuel. Un caso de SLAPP no agro galego no que denuncia as prácticas ás que o xigante cárnico recorre para silenciar ás persoas críticas co seu modelo de negocio e coa gandería industrial, “principal causante da grave e histórica contaminación que sofren os acuíferos da comarca da Limia”.
O caso máis visíbel destas prácticas, indica esta organización, é o da denuncia por danos e prexuízos que o propio Grupo Coren interpuxo en febreiro deste ano contra o activista ambiental Manuel García, pola que lle esixen un millón de euros por unhas declaracións nas que o agricultor denunciaba a contaminación do encoro das Conchas e sinalaba a Coren entre os responsábeis.
Este tipo de demandas millonarias (SLAPP, polas súas siglas en inglés) son, denuncia, “unha forma de intimidación legal e acoso xudicial cada vez máis habitual, a través das cales as grandes corporacións tratan de silenciar a xornalistas ou activistas, especialmente en asuntos relacionados coa corrupción e malas prácticas empresariais, como a contaminación ambiental”.
O crecemento exponencial da conta de resultados do Grupo Coren está asociado á súa aposta pola gandería industrial e é parello coa degradación ambiental que padece a comarca da Limia onde, principalmente, desenvolve a súa actividade
“Estamos diante dunhas empresas todopoderosas, que manexan moitos cartos e implican a moitas familias e resulta difícil denunciar as súas malas prácticas”, declarou Manuel García, agricultor ecolóxico e membro do Movemento Ecoloxista da Limia. “Mais era necesario, porque estabamos a chegar a un punto de colapso total dos recursos hídricos da Limia”.
O Grupo Coren, informa Greenpeace, dedicado máis ca nada á produción en avicultura de carne e posta, porcino e vacún, é a primeira sociedade cooperativa española e a décima no sector das carnes no conxunto da Unión Europea.
“O crecemento exponencial da conta de resultados do Grupo Coren está asociado á súa aposta pola gandería industrial e é parello coa degradación ambiental que padece a comarca da Limia onde, principalmente, desenvolve a súa actividade. Varios estudos científicos e os resultados oficiais do seguimento da calidade das augas na zona amosan que a contaminación das augas por nitratos, fósforo e outros compostos débese principalmente á inxente cantidade de residuos que orixina a gandería industrial e a absoluta falta de control da súa vertedura nos campos galegos”, sinala Greenpeace.
“Galiza é a única comunidade autónoma que até a data non designou ningunha Zona Vulnerábel aos Nitratos, tal como esixe a Directiva de Nitratos. A contaminación histórica da auga, o incumprimento de varias normativas, o modelo agroindustrial imperante na Limia e a mala xestión dos refugallos gandeiros é algo que vén sendo denunciado desde hai anos por colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural, o Movemento Ecoloxista dá Limia (MEL), ao que pertence Manuel García, e a plataforma veciñal Auga Limpa Xa!”.
A situación na comarca da Limia é xa insostíbel e esixe actuacións inmediatas por parte das autoridades competentes e unha transformación do modelo de produción do Grupo Coren, demanda esta organización.